Máis de 200 persoas na andaina solidaria Ponteareas 25km

Con participantes chegados de toda Galicia

Ponteareas | Grande éxito de participación nas andainas Ponteareas 25km organizada polo Club de Montaña Xistra en colaboración co Concello, no que natureza, medio ambiente, deporte e solidariedade camiñaron da man a pesar do mal tempo.

Máis de 200 persoas da vila e de diferentes puntos de Galicia fixeron un percorrido con saída no parque da Feira Vella no centro urbano para percorrer espazos de gran valor natural e paisaxístico como o río Uma ou A Picaraña.

“Con esta andaina o público puido descubrir a beleza das nosas paisaxes e a súa biodiversidade, achegarse ata o río e desfrutar da paisaxe de ribeira ou coñecer un pouco máis os nosos montes forestais”, destacou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo. A edil quixo ademais “agradecer profundamente o traballo de Nisio, Sito e Raúl, que se encargaron de preparar a ruta para o desfrute de todo o público, así como a solidariedade de todas e todos os participantes, que achegaron un gran número de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para ser doados ao Centro de Recollida de Alimentos de Ponteareas”.

Covelo recalca tamén a importancia de poñer en marcha actividades que dean a coñecer a gran contorna natural da que pode desfrutar Ponteareas, xa que “soamente achegando a ponteareás, ponteareáns e visitantes á esta realidade podemos chegar a concienciarnos, coidala e protexela”.