Máis de 150 persoas aprenderon a descifrar o enigma da factura eléctrica

As actividades de carácter gratuíto chegaron a doce localidades galegas

Santiago de Compostela | Durante o mes de novembro técnicos da Unión de Consumidores de Galicia percorreron Galicia impartindo actividades formativas sobre consumo e aforro da electricidade. Os talleres formativos
Descifrando o enigma da factura eléctrica impartíronse en doce localidades e participaron 154 persoas.

As persoas asistentes tiveron ocasión de coñecer as claves do sector eléctrico, os datos esenciais que conforman a factura da luz, diversas prácticas centradas no aforro e as novas condicións para beneficiarse do bono social eléctrico.

Dolores Chapelai , responsable da importación das actividades, recalca o importante que é “facer pedagoxía entre as persoas consumidoras para que aprendan a entender a súa factura” xa que con información clara e actualizada “poderían manexarse mellor á hora de contratar o subministro de electricidade e, por outra banda, aforrar na factura da luz”.

O principal obxectivo destes talleres prácticos, patrocinados polo Instituto Galego de Consumo (IGC), foi o de ofrecer solucións aos problemas reais cos que se atopan os consumidores e usuarios galegos no eido da subministración eléctrica. “Existe moita confusión en todo o que rodea a factura da luz: normativa complexa, terminoloxía, cambios constantes no sector, etc”, sinala Chapela. Por iso iniciativas como as que leva a cabo a UCGAL son tan importantes, xa que existen moitas dificultades para interpretar cuestións tan simples como coñecer con que compañía contratamos a electricidade.

Colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia
Tres dos doce talleres realizáronse en colaboración con FADEMGA. Os técnicos da UCGAL achegaron información práctica encamiñada a coñecer o ámbito do sector eléctrico a corenta e seis usuarios e usuarias de ASPAVI, ASPANAEX e FADEMGA OURENSE. Trátase da primeira experiencia no eido formativo entre UCGAL e FADEMGA, un proxecto pioneiro que dado os bos resultados acadados podería repetirse no futuro.

Para máis información: prensa@consumidores.gal / info@consumid