Luis Menor reivindica na Festa do Pan de Cea como “un símbolo da identidade do rural”

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea, onde puxo en valor este produto como “un dos mellores emblemas da identidade ourensá” e destacou o seu papel como motor económico, turístico e social para o municipio e para o conxunto da provincia.

Luis Menor subliñou que o Pan de Cea representa a historia, o esforzo, a tradición e o saber facer de xeracións enteiras de familias panadeiras que conseguiron converter un produto artesanal nun “referente de calidade recoñecido dentro e fóra de Galicia”. O presidente provincial trasladou o recoñecemento da institución aos doce fornos integrados na Indicación Xeográfica Protexida, aos que agradeceu o seu compromiso coa excelencia e coa conservación dun oficio centenario.

Luis Menor destacou que o éxito deste produto demostra que “o rural ten capacidade para crear riqueza, fixar poboación e competir desde a excelencia, apoiándose na tradición sen renunciar á innovación”.

O presidente da Deputación tamén fixo referencia ao lema desta edición, “O pan do mar”, sinalando que simboliza “a unión perfecta entre dous dos grandes tesouros de Galicia: os produtos da terra e os produtos do mar”, consolidando o Pan de Cea como un acompañamento imprescindible da gastronomía galega.

Reafirmou ademais o compromiso da Deputación de Ourense coa promoción dos produtos agroalimentarios de calidade da provincia e co apoio ás iniciativas que contribúen ao desenvolvemento económico do territorio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.