Lidia Senra pregunta á CE sobre o uso hoteleiro que a Xunta quere facer do Castelo de Monterrei

Bruxelas / AGEe | A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria1 á Comisión Europea (CE) ao respeito da transformación do Castelo de Monterrei en hotel de luxo por parte da Xunta de Galicia.

A Comisión Europea deberá pronunciarse sobre a compatibilidade entre os fondos FEDER e o uso deste monumento como hotel de luxo

“Non podemos permitir que a cultura, o noso patrimonio, sexa secuestrado a favor das elites económicas”, subliñou Senra

Con esta iniciativa dende AGEe queremos apoiar o importante traballo realizado polas persoas que participan na Plataforma Castelo de Monterrei S.O.S. e nas accións convocadas pola mesma, un colectivo que leva máis dun ano denunciando publicamente as intencións da Xunta de Galicia de converter este monumento público nun hotel de luxo da rede “Paradores”, non dubidando a Administración galega en utilizar para este fin cartos públicos. “Resulta totalmente vergoñento que cas graves necesidades que estamos a ter a cidadanía nestes momentos, un goberno decida empregar os fondos públicos en crear hoteis de luxo”, criticou a eurodeputada galega dende Bruxelas.

Aliás, a fortaleza-pazo da acrópole de Monterrei, declarada Monumento Nacional xa no ano 1931, é a máis grande e mellor conservada da Galiza, e a día de hoxe é considerada un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de Monumento, a máxima protección para un inmoble. “Non podemos permitir que a cultura, o noso patrimonio, sexa secuestrado polo Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia para ser posto a disposición das elites económicas”, subliñou Senra.

Como teñen explicado dende a plataforma cidadá pola defensa do Castelo de Monterrei, a Administración Xeral do Estado cedeu á Xunta de Galicia o uso deste espazo cultural para ser empregado especificamente como “centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos e as torres da Pena, Sandiás e Porqueira, para restauración, conservación e visitas culturais” -recollido así no Decreto 448/2009-, e nunca como complexo hoteleiro.

Ademais, no colmo do despropósito, a aproximadamente 200 metros deste Castelo que a Xunta teima en converter en hotel atópase o Parador de Turismo de Monterrei, remarcando inda máis a incoherencia deste proxecto.

Dende que se coñeceu a vontade do Goberno galego de restrinxir o uso do Castelo unicamente a aquelas persoas que se podan pagar unha habitación na nada asequíbel rede Paradores, son moitas as iniciativas que a cidadanía ten posto en marcha co fin de reivindicar un uso público e cultural deste complexo histórico. Unha campaña en Change.org; máis de 7.000 sinaturas recollidas; mobilizacións; comunicacións ao Valedor do Pobo galego, estatal e á Valedora europea; investigacións; o posicionamento contrario a este proxecto por parte do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago de Compostela; campañas públicas de apoio -na que tamén participa a eurodeputada de AGEe Lídia Senra2-… Son boas mostras do contundente rexeitamento da cidadanía a este proxecto.