La Vuelta 2024 pasará por Ponteareas e Baiona

A Deputación busca a promoción turística neste evento por ter presencia mediática en 190 países

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, aplaude a presencia da provincia de Pontevedra no percorrido da próxima edición de La Vuelta. O pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo volverá pasar polas estradas da provincia despois de tres anos de ausencia cunha etapa de 160 quilómetros entre Ponteareas e Baiona, na que os ciclistas escalarán catro portos de montaña, dous deles de primeira categoría como son o Alto da Fontiña e o Alto de Mougás.

Esta carreira foi retransmitida por televisión na edición do 2022 en 190 países, polo que supón unha útil ferramenta para a promoción turística do destino Rías Baixas. “É un espectáculo que reflicte a aposta do goberno da Deputación polo deporte e pola promoción do noso destino turístico a través dos eventos deportivos. Milleiros de persoas poderán contemplar en televisión a nosa riqueza paisaxística. En definitiva, o mundo verá que, co deporte, Pontevedra é desfrutar”, destacou o mandatario provincial.

Acompañado polos deputados e rexedores de Ponteareas e Baiona, Nava Castro e Jesús Vázquez Almuíña; o presidente da Deputación asistiu este martes en Madrid á presentación oficial do percorrido da edición do 2024 de La Vuelta. Unha cerimonia na que Luis López puido comprobar o interese que a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas seguen xerando como destino deportivo de primeiro nivel.

Coa inclusión da provincia no percorrido oficial de La Vuelta 2024, a Deputación demostra a súa aposta polo deporte e o turismo como áreas estratéxicas da acción de goberno. Ademais, a conxugación destes dous ámbitos permite dar un dobre impulso á dinamización da economía e a promoción do destino Rías Baixas. Por un lado, polo aumento do consumo que supón albergar a todas as persoas que se ocupan da loxística dunha proba deste tipo na provincia. E por outro lado, pola potencial captación de novos visitantes que descubrirán na televisión ou noutros medios de enorme cobertura mediática desta carreira un destino atractivo para visitar.

A celebración da etapa pontevedresa, que será a número 10 da carreira, está prevista para o vindeiro 27 de agosto. A proba caracterizarase pola coñecida esixencia da orografía da provincia con continuas subidas e baixadas, que porán unha nota extra de emoción a unha etapa pensada para que os especialistas de montaña exhiban todo o seu potencial. A proba entre Ponteareas e Baiona será a primeira das catro etapas que discorrerán por Galicia, seguiranlle unha en Padrón, outra con saída desde Ourense a Manzaneda e, por último, outra desde Lugo ata os Ancares.

Liga de Cruceiros Cíes-Rande
A Deputación de Pontevedra súmase á Liga de Cruceiros Cíes-Rande que promoven as principais entidades náuticas vinculadas ao deporte de vela da Ría de Vigo. A institución provincial impulsa xunto coa Xunta de Galicia esta proba que ten por obxectivo fomentar o deporte da vela e a súa desestacionalización, así como poñer en valor a súa práctica deportiva. O circuíto, que comezará o 13 de xaneiro e rematará o 14 de decembro de 2024, acaba de ser presentado nun acto na praia de Samil de Vigo ao que asistiron a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; e, entre outros, o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

As principais entidades náuticas que están implicadas na organización da Liga de Cruceiros Cíes-Rande son o Monte Real Club de Yates de Baiona, o Real Club Náutico de Vigo, o Real Club Náutico Rodeira de Cangas, o Club Náutico San Adrián de Cobres, o Club Social Moaña Mar e o Liceo Marítimo de Bouzas coa colaboración da Real Federación Galega de Vela, o Club Marítimo de Canido e a Asociación de Entidades Náuticas Ría de Vigo. Na proba teñen cabida os ORC, Solitarios, A Dous e Concentración Náutica que regatearán nunha sola xornada, os sábados, en probas que, no seu conxunto, definirán aos campións de cada categoría ao seu remate.

A primeira cita do circuíto terá lugar o 13 de xaneiro no Club San Adrián de Cobres ao que tomará relevo o Real Club Náutico Rodeira de Cangas o día 27 do mesmo mes.

A terceira proba desenvolverase no Real Club Náutico de Vigo, o 10 de febreiro; a cuarta no Club Social Moaña Mar o día 17 de febreiro, a quinta no Liceo Marítimo de Bouzas o 16 de marzo e a última, coa que se pecha a primeira entrega da Liga de Cruceiros Cíes-Rande, o 20 de abril no Monte Real Club de Yates de Baiona, onde tamén se celebrará a entrega de premios final da etapa inverno-primavera desta proba náutica.

Tralas regatas do verán retomarase a Liga Cíes-Rande o 14 de setembro no Monte Real Club de Yates de Baiona. O circuíto continuará o 5 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas, o 26 do mesmo mes no Real Club Náutico Rodeira de Cangas, o 16 de novembro no Club Náutico San Adrián de Cobres, o 30 dese mes no Club Social Moaña Mar e rematará o 14 de decembro no Real Club Náutico de Vigo nunha xornada na que terá tamén lugar a entrega de premios da Liga.