Kiko Veneno, atracción do Rock in Rio Tea

A XVI edición trae novidades musicais e culturais

Ponteareas | A Sala JJ Copas acolleu a presentación oficial da XIV edición do Rock in Río Tea, un dos festivais gratuítos de referencia en Galicia, que se celebrará os vindeiros 10 e 11 de xullo no Parque da Feira Vella de Ponteareas cunha programación musical diversa e novas propostas culturais.

No acto participaron o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, así como Sandra Sendín e Marcos Barros, representantes da organización do festival, entre outros, que deron a coñecer os detalles dunha edición que consolida ao Rock in Río Tea como unha das grandes citas culturais do verán galego.

No apartado musical, o festival contará nesta edición con tres grandes cabezas de cartel: Kiko Veneno, referente imprescindible da música estatal; Los Enemigos, unha das bandas máis emblemáticas do rock en castelán; e Rebeliom do Inframundo, unha das propostas máis recoñecidas e con maior personalidade da escena galega actual.

O cartel complétase con actuacións de Arrhythmia, Estrogenuinas, Errantes (que regresan aos escenarios presentando novo traballo) e O Caimán do Río Tea, histórico grupo ligado ao movemento bravú. Ademais, os alumnos do CDM Rock School volverán encargarse de abrir o festival, ao igual que participarán o gañador do Concurso de Bandas Rock in Río Tea 2026, Pladür, e a banda vencedora do certame Talento Xove, impulsado polo Concello de Ponteareas. Como xa é habitual, DJ Oscuro será o encargado de dinamizar o ambiente entre concertos.

Durante a presentación descubriuse tamén o deseño do cartel oficial desta edición, obra de Aitana Alonso, gañadora do concurso convocado para escoller a imaxe do festival en 2026, reforzando así a aposta do evento pola creatividade e polo talento mozo.

Entre as novidades desta edición destaca a conexión do festival co Camiño Taverneiro, unha ruta alternativa do Camiño de Santiago en crecemento que pasa por Ponteareas e que permitirá reforzar a unión entre música, cultura e turismo, incluíndo a posibilidade de selar a credencial cun selo oficial do Rock in Río Tea.

Outro dos momentos destacados da presentación foi o anuncio da nova moeda oficial do festival, o “Rogers”, creada en homenaxe a Rogelio Carracedo, figura moi vinculada á defensa da música e da cultura en Ponteareas recentemente falecida.

A programación incluirá tamén novas actividades do ciclo Rock na Rúa, entre elas o evento “Rock na Banda”, previsto para o 23 de maio, no que a Banda Xuvenil da Escola de Música Unión de Guláns reinterpretará clásicos do rock nun formato innovador.

Ademais da programación musical, o festival contará cunha zona gastronómica e de artesanía, ofrecendo unha experiencia completa para todas as persoas asistentes.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, destacou durante a presentación “a importancia dun festival que non só sitúa a Ponteareas como referente musical e cultural, senón que tamén dinamiza a economía local e crea espazos de encontro para diferentes xeracións”. Así mesmo, agradeceu “o enorme traballo e compromiso da Asociación Cultural Rock in Río Tea para facer posible ano tras ano un evento xa imprescindible na programación cultural da vila”.

O Rock in Río Tea está organizado pola Asociación Cultural Rock in Río Tea coa colaboración do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra e Turismo de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.