O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá as instalacións de Zelnova Zeltia, compañía referente na fabricación de produtos para o fogar e líder no seu sector a nivel europeo. Acompañado polo tenente de alcalde, Carlos Martínez, e pola concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, o rexedor percorreu as instalacións e coñeceu de primeira man os novos proxectos e investimentos que a empresa está a desenvolver.
Durante a visita, Alejandro Lorenzo destacou a importancia estratéxica de Zelnova Zeltia para o tecido industrial do municipio: “Zelnova Zeltia é un orgullo para O Porriño e un exemplo de como se pode apostar pola innovación e a sustentabilidade sen renunciar ás raíces locais. Que empresas coma esta aposten por crecer dende aquí é unha garantía de futuro para o noso concello e para Galicia”, asegurou o alcalde.
O equipo directivo da compañía, encabezado polo seu presidente Pedro Fernández Puentes, explicou o proceso de expansión sostida que está a vivir Zelnova Zeltia, cun modelo baseado na innovación, o compromiso ambiental e a internacionalización. Fernández Puentes salientou: “Estamos nun momento clave para a compañía. Demostramos que é posible crecer de forma sostida apostando pola innovación, a sustentabilidade e o compromiso con Galicia”.
Ademais, destacou a importancia de manter as operacións no Porriño: “Para nós é fundamental seguir desenvolvendo a nosa actividade desde O Porriño, xerando emprego e valor na contorna”.
A compañía, cunha traxectoria de máis de 80 anos, alcanzou unha facturación anual de 85 millóns de euros en 2023 e conta cunha presenza internacional que supera o 55 % das súas vendas fora de España. Con máis de 250 traballadores, Zelnova Zeltia mantén as súas fábricas e laboratorios en España, ademais de contar con oficinas comerciais en Italia.
Durante a visita, o alcalde tivo ocasión de coñecer algúns dos logros máis destacados da empresa no eido da innovación e a sustentabilidade. Zelnova Zeltia foi pioneira na fabricación do primeiro insecticida en aerosol en España e no lanzamento do primeiro ambientador eléctrico a nivel mundial. Ademais, leva décadas comprometida coa protección ambiental, sendo unha das primeiras compañías en empregar propelentes que non danan a capa de ozono.
Desde o Concello do Porriño reiteramos o noso compromiso co apoio ás empresas que apostan polo desenvolvemento sostible, pola xeración de emprego de calidade e pola proxección internacional dende a nosa terra. O éxito de Zelnova Zeltia é, sen dúbida, un reflexo do potencial industrial e humano do Porriño.