Inicio da tramitación da obra de saneamento para as parroquias de Padróns, Pías e Prado

Ponteareas | Augas de Galicia vén de solicitar ao Concello de Ponteareas, á documentación precisa para proceder á execución das obras de Mellora no Saneamento das Parroquias de Padróns, Prado e Pías, segundo informou hoxe o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla.
En concreto, a Administración Hidráulica solicita lle sea remitido o acordo plenario no que se aprobe dito proxecto, tan pronto dito Pleno se celebre. Nesa mesma sesión se terá que solicitar a Augas de Galicia o financiamento do 100% do custo das obras e, pola súa banda, o Concello comprometerase á entrega dos terreos para a execución dos traballos.
Salvador González Solla explicaba que a obra consiste na creación dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais “amais dunha estación de depuración de augas residuais conectadas á mesma para as parroquias de Pías, Prado e Padróns, tal e como figura no proxecto”.
Os traballos responden á necesidade de avanzar na mellora ambiental do municipio, ampliando a rede de colectores e pozos e proxectando novas actuacións nas zonas que, como Pías, Prado e Padróns, aínda non posúen dunha rede de saneamento que contribúa a mellorar o medio ambiente da zona do río Tea.
A obra de saneamento para estas tres parroquias, engadía o Alcalde, beneficiarán a “unha poboación de algo máis de 1.300 habitantes, cunha poboación futura estimada en preto das 1.800 persoas”. En concreto, matizaba González Solla, os traballos dotarán de saneamento aos barrios da Seca e A Serra en Padróns; O Carrascas, A Carrasqueira, Os Ferreiros, A Pardantela, O pazo e O Souto e O Outeiro en Prado e, finalmente, Lenguada e Cotobade na parroquia de Pías.
Saneamento de Pías
A mellora proxectada consiste na colocación dun colector de PVC estruturado en tres tramos de 811, 734 e 695 metros de 315 mm de diámetro. Dous dos tramos uniranse entre si e conectaranse ao pozo de bombeo soterrado baixo solera de formigón armado de 30 cm, que bombeará as augas residuais de Pías a través da EDAR.
Saneamento de Prado
As obras de mellora do saneamento nesta parroquia constarán dun colector de PVC estruturado en 5 tramos. Tres deles cunha lonxitude de 1.157, 108 e 627 metros e canalización de 315 mm de diámetro e outros dous cunha lonxitude de 114 e 76 metros e canalización de 250 mm de diámetro. O tramo quedará conectado a unha EDAR prefabricada.
Saneamento de Padróns
O saneamento de padróns consiste na colocación dun colector de PVC estruturado nun único tramo de 1.096 metros de lonxitude e 315 mm de diámetro e conectado á correspondente EDAR prefabricada.
En resumo, as obras de saneamento para estas, polo tanto, consisten nunha rede de colectores de saneamento para augas fecais (rede separativa) nas parroquias de Pías, Prado e Padróns, composta por tubos de PVC de 315 mm e 250 mm de diámetro unidos mediante pozos de rexistro fabricados en formigón in situ. Esta rede de colectores termina nunha arqueta prefabricada dotada duna rexa de aceiro inoxidable para o desbaste manual, debido á numerosa aparición de sólidos, instalada antes do bombeo ás EDAR.
O alcalde Salvador González Solla, aseguraba que se trataba dun proxecto ambicioso pero “imprescindible para seguir avanzando na mellora ambiental do municipio e no saneamento integral do río Tea”. O rexedor municipal lembraba que este saneamento, xunto co proxecto da Senda Fluvial que unirá Ponteareas e Mondariz, supón un investimento superior aos 2.200.000 euros.