
Cangas | Abrir o proceso para estudar a viabilidade de construir un parking soterrado na esplanada de Ojea e establecer vías de colaboración para outros posibles proxectos en Cangas foron algúns dos temas tratados na reunión de traballo mantida hoxe no concello do Morrazo no decurso da visita oficial do delegado Especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades.
Regades, que asinou no libro de honra do Concello, mantivo un encontro coa alcaldesa Araceli Gestido, e coa tenente de alcalde, Sagrario Martínez, amais doutros concelleiros e concelleiras do goberno municipal, no que puxeron as bases dunha colaboración que poida traducirse en actuacións para a vila, especialmente o estudo das opcións para poder levar a cabo a transformación urbana do Peirao de Ojea cun aparcadoiro soterrado e a recuperación das naves, actuación que realizaría a Zona Franca de Vigo e que se estendería desde as primeiras naves da explanada hasta á Alameda Nova. A falta de prazas de estacionamento en Cangas, cada vez maior, é un dos problemas máis acuciantes para a poboación, (27.000 habitantes), que se agrava especialmente no verán coa chegada do turismo.
Na reunión puxéronse as bases para encamiñar o proceso que ten que pasar pola concesión deste espazo e redactar un proxecto que non so dote de prazas de aparcamento á cidadanía, senón que tamén pase pola recuperación das naves e de toda a explanada, colidante co edificio do Concello, que actualmente se atopan pechadas e en estado de ruína.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades manifestou a súa vontade “para que un proxecto como este poida saír adiante” e, ademais do parking, expresou o seu interese na rehabilitación das naves de Ojea: “a recuperación de patrimonio arquitectónico industrial e estas naves, que son antigas conserveiras, teñen un relato histórico que debemos recuperar e coidar porque son unha sinal de identidade do pobo. Son idóneas para realizar proxectos de emprendemento vinculados á economía azul. Esta iniciativa vai máis aló dun proxecto de promoción económica. É facer concello e poñer en valor a historia conserveira e industrial de Cangas”, engadeu.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas Araceli Gestido, e a tenente de alcalde, Sagrario Martínez, sinalaron en nome do goberno municipal de Cangas que “si logramos entre Concello y Zona Franca dar saída a esta actuación estaríamos dando unha solución a milleiros de veciños, veciñas e visitantes que non teñen onde aparcar porque seguimos perdendo prazas de estacionamento”. O goberno cangués asegura que “a construcción dun aparcamento soterrado é unha das demandas más importantes da veciñanza”, e coincidiron con David Regades en que “sería unha fermosa noticia poder conservar as naves de Ojea que forman parte do patrimonio de Cangas”.




