
Ponteareas | A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia informou este 19 de agosto que o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Nogueira, está controlado desde as 20,49 horas. O Concello realizara un amplo dispositivo de emerxencias para controlar un incendio na parroquia de Nogueira. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 6 técnicos, 25 axentes, 37 brigadas, 29 motobombas, 3 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 4 avións.
Xunto aos medios de extinción, tamén participan no dispositivo a Policía Local, Policía Autonómica, Garda Civil e Protección Civil, encargados de controlar os accesos á zona e facilitar a entrada e saída dos servizos de emerxencia.
Ata o lugar desprazouse a alcaldesa, Nava Castro, acompañada de varios concelleiros, para coñecer de primeira man a evolución do incendio e o desenvolvemento do operativo. As autoridades municipais trasladáronse ao Posto de Mando Avanzado (PMA), constituído no Centro Cultural de Nogueira, desde onde se coordinou o dispositivo e se realiza o seguimento da situación.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.




