Iluminación LED para os pavillóns do Complexo Deportivo Álvaro Pino en Ponteareas

Reducindo así nun 65% o seu consumo enerxético

Ponteareas | O Concello de Ponteareas renovou as luminarias dos dous pavillóns do Complexo Deportivo Álvaro Pino, substituíndo as que se estaban empregando ata o momento de haloxenuro metálico por novas de tecnoloxía LED.

Un avance importante que permite, como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández, “que os niveis de iluminación sexan os óptimos para este tipo de edificios, non só mantendo uns niveis uniformes de luminancia e cor axeitados, senón tamén instalando sistemas de control que permiten regular automaticamente o nivel de iluminación dependendo da luz natural que haxa nese momento”.

Estes traballos supuxeron unha mellora da eficiencia enerxética destes dous pavillóns deportivos, un deles con 30 anos de antigüidade, “e permitirán un aforro estimado do consumo de máis dun 65% á vez que melloran as condicións para a práctica deportiva”, como explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. O Goberno municipal levou a cabo nestas instalacións a desconexión eléctrica e mecánica do sistema de iluminación antigo, así como a retirada do cableado eléctrico e dos equipos auxiliares. Tras isto instaláronse os novos proxectores LED, así como os controis e o cableado e procedeuse á programación e posta en marcha de todo o servizo.

As obras de mellora da eficiencia enerxética nestas instalacións deportivas supuxeron un investimento superior aos 26.000 euros financiados con fondos FEDER de crecemento sostíbel 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para a Transición Ecolóxica, e con fondos do Concello a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.