
Baiona | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, achegouse neste serán de mércores ata Baiona para tomar parte do acto de inauguración da praza Victoria Cadaval. Un renovado espazo público que mellora os servizos, a imaxe e a calidade de vida no núcleo de Sabarís financiado ao 100% pola Deputación, que investiu neste proxecto preto de 600.000 euros a través dos plans PON2030 e +Provincia.
Acompañado polo alcalde e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, o mandatario provincial reafirmou o compromiso Concello de Baiona, onde a Deputación leva investidos máis de 6 millóns de euros ao longo do presente mandato só a través dos plans de cooperación, que están funcionar como un revulsivo para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos cos que “a xoia das Rías Baixas” está a recuperar o seu esplendor.
O humanización desta praza Victoria Cadaval foi froito dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Baiona e supuxo un investimento de case 600.000 euros que aportou por completo a administración provincial a través da achega de 464.000 euros ao abeiro do programa PON2030 e cunha inxección de 116.000€ para cubrir a parte correspondente ao Concello con recursos do plan +Provincia. A obra consistiu na mellora da accesibilidade para favorecer a mobilidade peonil a través da dotación de novas zonas verdes e un mobiliario urbano máis axeitado. Ademais, a obra serviu para renovar e soterrar as redes de abastecemento, saneamento e de telecomunicacións, o que contribúe a mellorar a imaxe e o acabo final do proxecto.
“Unha actuación que se hoxe é realidade é grazas ao traballo, rigorosidade e profesionalidade dunha persoa: o alcalde e deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña. Con persoas coma el na mesa ata os proxectos máis complexos semellan doados, é unha persoa que entende que a colaboración e lealdade entre administracións é o camiño máis curto para acadar os obxectivos e un servidor público que sempre está buscando máis recursos, máis proxectos e máis investimentos tanto para Baiona como para as Rías Baixas na súa faceta de responsable provincial de Turismo”, recoñeceu Luis López antes de reafirmar o compromiso da Deputación co desenvolvemento de proxectos estratéxicos tanto para Baiona como para o conxunto dos 61 concellos que compoñen a provincia. “Agardamos xa a vindeira visita a esta fantástica vila das Rías Baixas”, rematou o presidente da Deputación.
“Non é a primeira vez que a Deputación está presente nesta xoia das Rías Baixas que é Baiona. Estamos presentes cando hai que celebrar a Arribada, a Hispanidade ou eventos que proxectan Baiona por todo o mundo como o fin de etapa de La Vuelta do ano 2024; estamos presentes cando hai que apoiar o tecido produtivo da vila, como as confrarías de pescadores; e estamos presentes para impulsar proxectos transformadores como a reforma do campo de fútbol do Aral ou a mellora da seguridade viaria na estradas. E outra mostra do compromiso da Deputación con Baiona é o que nos trae hoxe aquí, a humanización da Praza Victoria Cadaval, unha mellora integral da imaxe e dos servizos do núcleo de Sabarís”, repasou o presidente da Deputación.




