“Hai anos as propias institucións vían os espectáculos de circo á gorra como pedir esmola”

Antón Coucheiro | Artista de circo

O circo da rúa volve ao seu medio natural, ao pé da xente, xunto a nenos e nenas, grandes e menos grandes, persoas serias e persoas alegres. Anímense! Chegou o circo cos seus artistas, cos risos e malabares para darlle cór ás nosas rúas, esquinas, prazas, barrios, arrabaldos e a calquera parte do mundo! Por iso falamos con Antón Coucheiro, membro da Asociación CircoNove e que cos seus compañeiros e compañeiras comezaron unha nova tempada de circo á gorra nas nosas rúas. Falamos con Antón Coucheiro, un dos artistas de CircoNove. Pasen e lean!

-Quen son os artistas de CircoNove?
Pois principalmente artistas circo de rúa. CircoNove é unha escola de circo que leva en marcha desde o ano 2000. Xa se facían as festas do circo na Sala Nasa, un pouco o cadro de cultivo de onde saíu Pista Catro, a produtora, e todo o colectivo de xente que traballa en circo.

-CircoNove tamén é un proxecto para axudar ás novas compañías e artistas para saír adiante.
Realmente é unha escola e un espazo de adestramento e produción de espectáculo. É o marco físico e onde as compañías preparan e producen os espectáculos. Dentro do que é a asociación, está o colectivo de artistas de rúa e de circo que actúan á gorra. É un lugar onde pesoas e proxectos converxen.

-Sodes case 300 socios, como se pode chegar a un número tan importante para unha iniciativa coma esta?
Primeiro porque temos un número amplo de alumnado na escola e porque o proxecto en si, leva funcionando desde o 2006.

-Describe como é o perfil das persoas que están dentro de CircoNove.
Hai moitos galegos mai tamén moita xente que se instalou en Compostela debido á existencia dese espazo físico e adestramento. Daqueles que chegaramos en 2000, coas festas do circo, moita desa xente foi a Londres estudar á escola de circo Circus Space. Logo moitas daquelas persoas volveron para Galicia porque xa se estaba consolidando CircoNove.

-Cal foi o método de atracción cara CircoNove para sumar persoas?
Pois pola propia actividade da iniciativa, os anos que van pasando e a xente que se une van facendo parte dese traballo. Ademais, son vinte anos traballando neste centro de formación para o circo.

-Que outros compoñentes se uniron á vosa escola de circo?
Moitos artistas, varias compañías e agora mesmo está funcionando a propia Federación Profesional de Circo. CircoNove está máis por Santiago e logo está a Federación Galega porque hai outras compañías fóra de Compostela. Mais o ecosistema é a xente do circo.

-O pasado 4 de agosto comezastes as vosas actividades. Tiñades moitas ganas de saír xa á rúa.
Si, tiñamos. Houbo algúns problemas este ano. Asinamos convenio co Concello de Compostela desde 2004, mais co tema COVID as cousas foron máis complexas.O caso é que o convenio co Concello para este ano aínda non se asinou, mais ao final enviamos un burofax para que a cousa se movese. Finalmente nos facilitaron os permisos a través de Tráfico, así se puido facer o cabaré na Quintana. Con todo, o Concello tampouco se comprometera a faclitar as medidas de seguridade nin nada. Tivemos que facelo nós, tentamos manter as distancias, a xente viña con máscaras e para o outro día chamoume a min a Policía, porque a responsabilidade é nosa.

-As axudas que puxo o Estado e logo a Xunta sobre a mesa, axudaron a seguir adiante aos artistas?
Realmente foi “sálvese o que poida”. Houbo quen axudou con parte do que cobraba por desemprego, tamén se reanudou a contratación dalgúns espectáculos e logo persoas que teñen outras ocupacións. A situación do circo de rúa xa sempre estivo regular, hai moito precario.

-Que evolución tes visto no público que asiste aos espectáculos de circo á gorra?
Pois antes do festival de 2004 e logo de que se fixese, tampouco había moita cultura disto nin actividade. Agora case que é unha cita obrigada do verán, con moitas familias e moitos nenos creceron vendo este circo na rúa. Hai un antes e despois, porque case non se coñecía, era unha cousa máis estraña, as propias institucións vían os espectáculos de rúa como “pedir esmola”. Agora xa os están vendo como ofrecer cultura á cidadanía. O certo é que houbo un cambio de mentalidade con respecto a todo o relacionado co circo, danza ou teatro.

-Que grandes cambios fixestes os artistas e que motivos había detrás para facelos?
Evoluiu moito no sentido de consolidación do circo con máis produción e máis traballo que hai vinte anos. Todos os artistas tamén nos fomos formando durante todo este tempo, desde novos ata agora e isto abriu unha maior diversidade, máis técnica e a nivel profesional que Galicia é un punto de creación e produción importante logo que varios artistas e compañías se instalaron aquí.

-Se un neno che dixese “quero ser pallaso”, que lle dirías?
Pois aprende e practica. É un traballo moi bonito, traballas para os outros que é o que me apaixoa e me gusta. Moito máis alá do circo á gorra, porque xa che digo, moitos e moitas de nós alternamos con outro tipo de iniciativas, en teatros ou traballar con concellos.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!