Guláns vístese de gala para celebrar o seu I Festival de Cine

Este venres 19 de maio ás 11 h na Avisoureira

Ponteareas | Guláns vestirase de gala para celebrar o seu primeiro Festival de Cine, unha cita que servirá de colofón final a todo o traballo desenvolvido polo alumnado do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera ao abeiro dun proxecto interdisciplinar co cinema como temática central.

O encontro será o vindeiro venres 19 de maio ás 11.00 horas na Avisoureira, na casa cultural de Guláns, cunha xornada coa que conmemorar o Día das Letras Galegas gozando da estrea das curtametraxes realizadas polos nenos e nenas deste centro educativo ao longo deste curso.

Despois de pasar o curso traballando con guións, elaborando escenarios, caracterizando ás personaxes, elixindo a música axeitada e buscando a iluminación perfecta, o rapaces e rapazas de Guláns presentarán ante o público o resultado final dunhas pezas audiovisuais que rebordan talento e creatividade en cada etapa do proceso de produción.

Xa está listo o merchandising, o photocall e a alfombra vermella para recibir ás familias e á veciñanza neste primeiro festival que estará cheo de sorpresas. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.