Gonzalo Caballero reúnese en Madrid coa voceira do PSOE, Adriana Lastra

Para abordar a axenda de prioridades para Galicia e o traspaso da AP-9

Madrid/PSOE |  O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe, o día despois de que se aprobara analizar a transferencia da AP-9 a Galicia, unha xuntanza de traballo coa voceira do PSOE no Congreso e vicesecretaria xeral do partido, Adriana Lastra.

Neste encontro, Gonzalo Caballero puxo sobre a mesa a axenda de cuestións relevantes para Galicia, salientando o relativo á prioridade social e económica na loita contra a covid, así como asuntos do eido industrial e en materia de infraestruturas.

“Mentres outros só pensan en colgarse medallas, os e as socialistas estamos dando solucións aos problemas de Galicia”, resaltou o líder do PSdeG ao termo da xuntanza.

No que atinxe á AP-9, Gonzalo Caballero sinalou que cómpre aplicar as bonificacións nas peaxes “o antes posible”, á vez que se aborden as cuestións relativas ao traspaso da autoestrada a Galicia no Congreso dos Deputados.

Tamén no eido das infraestruturas, Caballero e Lastra abordaron a marcha das obras para a chegada do AVE a Galicia, que concluirán este mesmo ano.

Así mesmo, Caballero trasladou os problemas industriais que existen en Galicia e sinalou que “fronte á ausencia de política industrial da Xunta é necesario o compromiso do goberno de España”.

“Políticas para as persoas”
Xunto coa número dous do PSOE, Gonzalo Caballero destacou a importancia de poñer en marcha “políticas para as persoas”, de xeito que “non quede ninguén atrás” a causa da crise derivada da pandemia.

Así pois, ambos dirixentes socialistas coincidiron na importancia de deseñar políticas para que, ao tempo que se combate a curva dos contaxios, se free tamén “a curva da desigualdade social”.

Ademais, apostaron polo fortalecemento do estado do benestar e por políticas económicas que perfilen unha saída da crise distinta á que impulsaron os gobernos da dereita logo da anterior recesión.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!