Goberno local propón o saneamento integral en tódalas parroquias ponteareáns

Tamén adianta iniciativas sobre o Centro de Saúde e o Complexo Deportivo Álvaro Pino

Ponteareas | Este 30 de agosto a corporación municipal de Ponteareas reuniuse en pleno ordinario. A alcaldesa Nava Castro destacou que “co fin de acometer o saneamento integral en todas as parroquias de Ponteareas, estamos traballando en tempo récord para axilizar ao máximo os trámites e poder garantir este servizo esencial para toda a cidadanía nun prazo de tempo o máis curto posible, comezando especialmente polo de Ribadetea”.

Outros dos eixos principais do pleno foi a situación sanitaria, non só en Ponteareas se non en todo o país, complicada debido á falta de facultativos.

En Ponteareas, a maiores, súmaselle a dificultade de ter un Centro de Saúde pequeno, con reducido espazo para ampliar consultas e en malas condicións. Isto fai, que os e as médicos non elixan a vila como centro de referencia. A concelleira de Saúde, Raquel Plana asegura que “este goberno apoia as reivindicacións sanitarias para dotar ao centro de saúde de máis médicos e somos coñecedores de que o principal problema é o escaso espazo do centro actual”.

No mesmo sentido, Plana garante que “estamos traballando a reo para poder comezar canto antes a construción do novo Centro de Saúde, de maiores dimensións, máis accesible e con capacidade para toda a poboación de Ponteareas e os usuarios dos concellos limítrofes no servizo do PAC”.

“Destacar tamén que, actualmente, o centro de saúde conta con 84 traballadores. Un dato histórico grazas á lei de Estabilidade aprobada pola Xunta de Galicia no ano 2022”, advirte a concelleira.

Complexo Deportivo Álvaro Pino
Outro dos puntos a tratar foi a proposta para a mellora das instalacións do Complexo Deportivo Álvaro Pino así como a subvención do prezo que están pagando algúns clubs por adestrar en ditas instalacións á empresa concesionaria INSDEGA.

A proposta expoñía que, a cambio de facer unha prórroga de 5 anos máis á empresa concesionaria, esta levaría a cabo a mellora e acondicionamento das instalacións deportivas como por exemplo a reparación e pintados das pistas dos dous pavillóns, o pintado das zonas comúns tamén de ambos pavillóns, a mellora do equipamento deportivo e de mantemento das instalacións.

Así mesmo, tamén se contaría cun conserxe de forma continua durante o horario de uso das instalación. Para a piscina municipal, tamén se repararían de xeito provisional as filtracións de auga polo teito.

Tamén se incluían horas de piscina e ximnasio para o persoal do departamento bombeiros e policía local, coa finalidade de promocionar a boa forma física deste persoal que é tan importante para poder desenvolver con garantías o seu posto de traballo.

Por último, o Concello subvencionaría directamente o prezo do aluguer das pistas do pavillón antigo e tamén parte da piscina municipal aos clubs deportivos que adestran nelas.

A pesares destas importantes vantaxes para o deporte ponteareá que significaba esta renovación do contrato con INSDEGA, a proposta non foi posible levala adiante, debido a falla de apoio de todos os grupos da oposición.

O Concelleiro de Deportes, Francisco Represas asegura que “a mellora das instalacións deportivas e o apoio aos clubs deportivos da noso concello é unha prioridade para este goberno”.

“Aínda que os grupos da oposición non compartan estas prioridades, nós seguiremos traballando para que o deporte de Ponteareas ocupe o lugar que se merece tanto no aspecto social, económico coma no puramente deportivo”.

Presentación do Festival Revenidas 2023
A deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, participou esta mañá en Vilaxoán na presentación do Festival Revenidas, que terá lugar entre o 7 e o 9 de setembro na parroquia vilagarciá e que celebra este ano o seu 20 aniversario.

A deputada provincial salientou a importancia desta cita, que “pon en valor a cultura, a música e a convivencia: sinais de identidade desta provincia e que nos fan únicos”, e que “desde os seus no ano 2003 non deixou de crecer en canto a número de actividades e asistencia”.

“Revenidas é Vilaxoán e Vilaxóan e Revenidas”, subliñou Nava Castro ao tempo que lembrou que o seu compromiso “coa nosa terra, coa cultura, coas tradicións e coa identidade é tamén compartido pola Deputación de Pontevedra”, polo que a institución provincial “seguirá impulsando todo o que tan ben fala de nós e nos sitúa no mundo, como é o caso deste festival”.  “Apoiaremos e poñerémonos ao lado de iniciativas como esta, que fan que a xente nos coñeza”, confirmou, ao tempo que agradeceu o traballo da organización e de todas as persoas e entidades “que se implican e fan posible que o Revenidas sexa unha realidade”.