Goberno e oposición chocan polo traslado da escola infantil de Ponteareas

A Alcaldesa Nava Castro defende a creación dunha zona verde. O BNG esixe evitar a demolición do antigo edificio

Ponteareas | O goberno municipal reafirmou a súa decisión de transformar en zona verde para o uso público o espazo ocupado pola antiga escola infantil no Parque da Feira Vella; toda vez o BNG critica “as presas do goberno” polo seu traslado do Parque de Ferra Ucha mentres esixe “diálogo e transparencia” para evitar a súa demolición.

Segundo a Alcaldesa, Nava Castro, “o PXOM é instrumento de planificación urbanística, pero as escolas fanse con xestión e decisión. E durante oito anos non se levou a cabo esta infraestrutura”. Destacou que o edificio da antiga escola infantil era “obsoleto e sen funcionalidade” e que agora Ponteareas “conta cunha nova escola infantil moderna, plenamente operativa”.

Así mesmo, a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Silvia F. Táboas, explicou que esta intervención enmárcase na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas coa finalidade de crear unha zona verde que conecte o parque da Feira Vella coa nova praza de abastos Mercatea.

O BNG refuta estes argumentos. Criticou o “traslado exprés” da escola infantil municipal toda vez amosou a súa “sorpresa” por atoparse o edificio antigo valado para “proceder á súa demolición pola vía dos feitos consumados”.
No BNG insisten en que “o antigo edificio pode e debe seguir tendo unha utilidade social para Ponteareas”. Lembraron que durante o seu goberno realizaron obras de rehabilitación enerxética, cun investimento superior aos 100.000€, financiadas nun 80% con fondos europeos, seguindo a estratexia urbana Ponteareas Hábitat Saudable.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.