
Ourense | César Blanco, fundador do grupo empresarial de servizos GDoce recibirá o día 11 de setembro na Cámara de Comercio de Oviedo, a homenaxe da Asociación Galicia en Asturias, con motivo do encontro empresarial astur-galaico. O que comezou en Galicia hai máis de 30 anos cunha academia especializada na preparación de oposicións converteuse hoxe nun grupo de referencia no ámbito da formación en España.
Os primeiros pasos chegaron da man de Academia Postal 3, centrada na formación de opositores. Co tempo, o grupo ampliou a súa actividade para acompañar tamén a persoas desempregadas, traballadores en activo e profesionais que buscan adquirir novas competencias ou avanzar nas súas carreiras.
Hoxe, Grupo GDoce forma cada ano a 70.000 alumnos e alumnas e conta con presenza nunha decena de comunidades autónomas. Desenvolve programas de formación adaptados ás necesidades do seu alumnado e traballa xunto a institucións e administracións públicas. A súa oferta abarca desde a preparación de oposicións e a formación profesional ata a capacitación en novas competencias e oficios, cunha aposta crecente pola formación dixital.
“O noso gran desafío é preparar aos profesionais do futuro nun contexto no que a tecnoloxía está a transformar o xeito en que traballamos e aprendemos. Queremos que ese cambio sexa unha oportunidade para todos, independentemente da súa idade ou situación profesional”, explica César Blanco, fundador de GDoce.
O grupo mantén así o seu ADN galego como parte da súa identidade, pero cunha vocación nacional. “Nacemos en Galicia, pero sempre entendemos que o noso compromiso coa formación non ten fronteiras. Crecer significa tamén poder levar oportunidades a máis persoas e estar alí onde a formación pode marcar unha diferenza”, sinala Blanco.
Máis de tres décadas despois dos seus primeiros centros de formación, o propósito de GDoce segue sendo o mesmo: acompañar ás persoas no seu desenvolvemento e contribuír, a través da formación, a construír un futuro con máis oportunidades.
Na foto, César Blanco, fundador de GDoce.




