Gala do Premio ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2022

Este 17 de maio no auditorio municipal

Ponteareas | Ponteareas celebrará unha nova edición da Gala da Lingua, un evento co que se homenaxeará a Francisco Fernández del Riego, á lingua e á música tradicional galega e ás e aos emprendedores que fan do galego o idioma de uso das súas empresas.
A cita será o 17 de maio ás 19.00 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo con entrada de balde ata completar aforo.

O actor Avelino González será o encargado de conducir a gala cos seus monólogos. O evento contará coa actuación musical de Malvela, un dos grupos de música tradicional galega máis populares, prestixiosos e emblemáticos de Galicia, que traerá a Ponteareas novas composición, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á realidade cotiá. Muiñeiras, malhao, rumba, xotas e pasodobres para non deixar que o corpo pare quieto e unhas letras onde reivindican ser mulleres e voces libres. Sobre o escenario cantarán pezas do seu disco O Benquerer, un canto de amor á nosa terra.

Por outro lado, durante a Gala da Lingua entregaranse tamén os galardóns da cuarta edición dos Premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2022, que recoñecen o labor de persoas e empresas que, día a día, achegan a lingua aos consumidores e consumidoras e contribúen coa súa actitude ao uso normal da lingua galega en todos os eidos da sociedade dende o sector empresarial.

Os premios concédense nas categorías de longa traxectoria no uso da lingua galega, uso continuado e recente incorporación. O premio consistirá nunha escultura creada para estes premios polo escultor ponteareán Silverio Rivas.