
Celanova | Celebrouse a XV edición dos Premios da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE). José González, conselleiro de Emprego felicitou ás iniciativas gañadoras e candidatas. Asistiu acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.
González salientou o talento emprendedor da mocidade ourensá e a súa capacidade para xerar emprego de calidade ligado ao territorio. Un cometido, subliñou, no que é clave a colaboración público-privada para avanzar no desenvolvemento empresarial de Galicia.
Neste sentido, puxo como exemplo de colaboración a que mantén a Xunta con AJE Galicia e AJE Ourense en materia de emprendemento para xerar sinerxías coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e de asesoramento e mentorización a prol da creación de novas empresas. Neste contexto, puxo en valor o traballo de AJE Ourense así como a súa contribución ao fomento da cultura emprendedora e da vocación empresarial na provincia, unha prioridade compartida co Goberno galego.

De feito, ambas entidades forman parte da rede de colaboración público-privada Ultreia, que ten como fin compartir recursos e xerar sinerxías no ecosistema emprendedor galego, e son actores clave na elaboración da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que terá como fío condutor esa Rede de polos. Unha ferramenta, lembrou, que conta con catro oficinas na provincia de Ourense situadas no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín.
Dentro do pulo ao emprendemento ligado ao territorio, o conselleiro destacou a implicación da provincia de Ourense en iniciativas de coliving orientadas a atraer talento emprendedor ao rural galego. Neste campo destacou o proxecto Fixar, que integra o espazo coliving de Sende (Lobeira, Ourense) ademais do de Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña) e tamén se referiu á iniciativa Muimenta Viva (Carballeda de Avia).
Tamén puxo de relevo o comercio como exemplo de vocación emprendedora e o seu papel na vertebración das vilas e cidades, un labor para o que contan co Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. A isto engadiu a contribución das persoas traballadoras autónomas.
O conselleiro entregou o Premio Joven Empresario, que recaeu en Ociosaugal, empresa especializada na organización de actividades deportivas, educativas e de ocio. Pola súa banda, o Premio Compromiso Social foi para a Asociación de comerciantes, hosteleiros e empresarios Celanova Chea, o Premio Mentor para Aceites Abril e o de Iniciativa Emprendedora para a asesoría enerxética Enerceo.




