Fútbol, curta reflexión sociolóxica.

Empezo cun aviso previo, só hai habido un deporte ao que sempre prestei atención e practicado con certa asiduidade, cando a idade e as circunstancias familiares e sociais permitíronmo: a montaña, escalada incluída, con esa referencia a miña opinión sobre o futbol está condicionada e non pode ser boa, os valores e a ética da montaña e do futbol son contrapostos.

O actual e invasivo espectáculo o primeiro que trae ao meu pensamento son termos ou frases como “pan e circo” ou “opio do pobo”, intentarei razoar o anterior desde outra das miñas afeccións: a socioloxía.

Desde sempre en calquera sociedade os seus dirixentes políticos (a política é un dos compoñentes da socioloxía, posiblemente o mais importante, pero non o único) intentaron vertebrar e controlar ao conxunto dos colectivos humanos das súas civilizacións baseándose en determinados valores e comportamentos comúns, frecuentemente mediante o uso da violencia e a coacción psíquica, pero a historia demostrou que crear identidades nacionais estables que permitan unha convivencia a longo prazo resulta mais sinxelo e produtivo mediante outros factores, como a relixión, a ideoloxía ou a moral que a clase dominante considere adecuada.

Cando algún dos factores vertebradores clásicos perdeu eficacia as clases dominantes acoden á imposición ou ao circo e á felicidade inducida, desde mediados do século XX e ata hoxe mesmo consumismo e deportes varios están a dar bos resultados entre o que Ortega e Gasset chamou “as masas”.

É difícil atopar na historia recente un exemplo mais contundente que o actual omnipresente e intrusivo espectáculo: o negocio milmillonario chamado Copa Mundial de Futbol, capaz de xerar extremas identidades nacionais e comportamentos violentos tipo “hooligan”, quizá unha expresión próxima en galego sexa comportamentos irracionais pero creo que queda algo curta.

“É difícil atopar na historia recente un exemplo mais contundente que o actual omnipresente e intrusivo espectáculo: o negocio milmillonario chamado Copa Mundial de Futbol”

Certo é que este deporte, tamén outros pero especialmente o futbol, é un estraño camiño de promoción social polo que superar desigualdades sociais, estreito carreiro polo que uns poucos poden pasar desde a pobreza absoluta a unha riqueza material insultante para a inmensa maioría das persoas, con excepción daqueles que os converten nos seus ídolos.

A función deses procesos minoritarios, moi minoritarios, non é algo inxenuo, no fondo cumpre unha poderosa función ideolóxica que escurece graves desigualdades sociais de clase e limita outras lóxicas ambicións profesionais e culturais entre os que non pertencen á clase dominante. Exemplos próximos demostraron como mediante ese reclamo esperanzador ocúltanse ou disimulan problemas de xénero: as españolas campioas do mundo poderían ser exemplo paradigmático, ou de raza: os grandes equipos conseguen “nacionalizar” ao emigrante dotado para o seu deporte mentres que os seus irmáns bordean a extradición.

Aviso final, ao reler o texto caio en que os virus que fan circular este tipo de eventos son contaxiosos, a min tamén me afectan, teño que confesar que me gusta e dá pracer que gañen “os meus”, a pesar que nunca vin un partido televisado e non teño intención de velo.

Xuño 2026.

Enxeñeiro Técnico en Mecánica e enxeñeiro de Instalacións, tamén é Diplomado en Relacións Laborais e Empresariais. Foi enxeñeiro de Citroën e militante da UXT. Foi o primeiro presidente do Comité de empresa de Citroën. Ingresou no PSOE en 1978. Foi deputado pola provincia de Pontevedra polo PSOE. Foi Secretario de Federacións de UGT-Galicia. Foi Secretario de Acción Social e Secretario de Participación Cidadá do PSOE.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.