
O Covelo | O Concello de Covelo abre o prazo de inscrición para as actividades deportivas de verán que se desenvolverán na Piscina Municipal durante os meses de xullo e agosto. A iniciativa, organizada pola Concellería de Deportes, busca promover hábitos de vida saudables e fomentar a práctica deportiva entre persoas de todas as idades.
A programación estival inclúe, durante o mes de xullo, sesións de ximnasia acuática (aquagym) dirixidas a persoas adultas. Xa no mes de agosto desenvolveranse cursos de natación para crianzas e persoas adultas, tanto de iniciación como de perfeccionamento, adaptados aos distintos niveis das persoas participantes.
As actividades de ximnasia acuática celebraranse entre o 1 e o 31 de xullo, mentres que os cursos de natación terán lugar entre o 3 e o 31 de agosto. O obxectivo é ofrecer á veciñanza unha alternativa deportiva e de lecer durante os meses de verán, favorecendo ademais a aprendizaxe e a mellora das habilidades acuáticas.
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou a importancia destas actividades dentro da programación estival do municipio: “A nosa piscina municipal convértese cada verán nun auténtico punto de encontro para veciños e veciñas, un espazo no que conviven deporte, lecer e convivencia. Ademais da veciñanza de Covelo, cada ano recibimos a persoas doutros concellos e tamén familias que escollen o noso municipio para pasar aquí as súas vacacións”.
O prazo de inscrición para a ximnasia acuática permanecerá aberto do 24 ao 29 de xuño, mentres que as persoas interesadas nos cursos de natación para adultos e crianzas poderán formalizar a súa solicitude entre o 1 e o 17 de xullo. As inscricións poderán realizarse nas oficinas municipais, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a través da sede electrónica do Concello.
Toda a información relativa ás actividades, así como as bases e os formularios de inscrición, pode consultarse na páxina web municipal: www.concellodecovelo.es. Estas actividades están organizadas polo Concello de Covelo e contan co financiamento da Deputación de Pontevedra.




