Física, habilidade e moita festa van da man no Rastrexo de Areas

O día 8 de Xullo a partir das 22 horas 66 equipos percorrerán Areas mentres o público agarda na festa do parque da Bouza Vella

Rastrexo Areas

Ponteareas | “Existíu unha idade na que os piratas foron os señores dos mares. Quen osara invadir os seus dominios estaba condeado a padecer a furia da súa abordaxe. Os seus crueis asasinatos e roubos quedaron na retina de moitos inocentes mariñeiros e campesiños. En torno as súas figuras xestáronse lendas que aínda hoxe se lembran. Indudablemente, entre piratas, destacaron historias que quedaron grabadas no máis profundo do océano. Estades preparados para achicar auga o vindeiro 8 de Xullo?…”

Deste misterioso xeito convida a Asociación Rastrexo de Areas a participar na terceira edición dun evento que superou os límites das inscricións tendo que deixar a moitos interesados fora da proba.

“Este ano contamos con 66 equipos de entre seis e doce membros e estamos moi satisfeitos polo éxito de acollida da proba, tendo que, lamentablemente, deixar a moitos fora”, explica José María Fernández, presidente da Asociación Rastrexo de Areas.

O vindeiro 8 de Xullo a partir das 22:00 horas os máis atrevidos da comarca e de fora dela percorrerán a parroquia de Areas para superar probas físicas, de habilidade e mentais.

Nesta terceira edición e por primeira vez, o evento contará tamén cunha sesión musical a cargo dun DJ e algunha sorpresa musical máis que encherá de ritmos o Parque da Bouza Vella.

A asociación convida a tódolos veciños e veciñas a participar, independentemente da idade, xa que na Bouza Vella haberá festa, música e cantina para sofocar a calor destes días.

Ademais, a organización quere dar as grazas a todas as casas comerciais e empresas colaboradoras, tamén á Comunidade de Montes de Areas por permitir desenvolver a actividade no seu monte, e ao Concello de Ponteareas pola súa colaboración.

“Son moitos os que nos apoian, empresas como Aguas de Mondariz ou Laberinto Sangriento que dona o primeiro premio ou hamburguesería McBuba que dona o segundo premio, amigos, veciños de Areas e doutras parroquias e rastrexos como o de Paramos (Tui), o de Torneiros (O Porriño), o da Picoña (Salceda) ou de Guláns”, engade J. M. Fernández.

A Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, brinda o seu apoio a esta actividade e convidaos a seguir traballando, “a colaboración entre o concello e os distintos colectivos culturais, deportivos, lúdicos… é fundamental para esta concellería”.