• Segue conectado
  • |

A fin do estado das autonomías.

Cadernos da viaxe.
A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas. Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.

Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa auto-organización e funcionamento. Sabíamos xa que o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.

Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demais servizos públicos) outra volta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.

As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.

A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición.
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delito e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 29 Out 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies