FEMUPO homenaxeará ás vítimas da violencia de xénero

Con andainas e actividades de sensibilización de cara ao 25-N
O persoal de FEMUPO iniciou en Redondela a campaña de sensibilización de cara ao 25N.

Pontevedra | A Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) iniciou esta fin de semana as actividades previstas co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

As rúas dos Concellos de Redondela e do Porriño foron o escenario da campaña informativa ‘Femupo Preto de Ti’, unha acción que achegou aos viandantes e comerciantes locais os recursos dispoñibles na loita contra a violencia de xénero así como información sobre Femupo e o seu traballo. „Femupo Preto de Ti’ visitará diversos concellos da provincia de Pontevedra ao longo do mes de novembro.

Desde esta federación consideran que o contacto directo coa cidadanía “é unha ferramenta indispensable para dar a coñecer o traballo asociativo que levamos a cabo” que axuda ademais a “resolver as dúbidas e preguntas da cidadanía sobre a violencia de xénero” e “a establecer unha relación de confianza non só coa xente senón tamén cos comerciantes, aos que consideramos indispensables á hora de difundir campañas informativas polo seu contacto directo e diario coa xente”, afirma a presidenta da federación, Raquel Touriño.

Durante este mes, a federación continuará a campaña de visibilización das entidades asociadas que xa iniciou o ano pasado coa colocación de círculos violetas nas respectivas sedes co obxectivo de recordar que están ao alcance de tódalas mulleres da provincia de Pontevedra que precisen axuda, asesoramento, orientación ou información.

A Cañiza acollerá o día 26 de novembro un ‘Acto de Conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero’, no que se abordará a importancia do asociacionismo feminino na loita contra a violencia de xénero. Durante esta actividade, que terá lugar ás 18:00 horas na Finca Briabí, darase a coñecer o traballo que realiza esta entidade como o acompañamento na creación de asociacións, a axuda para solicitar subvencións, a realización de proxectos personalizados, as accións formativas, a xestión e realización de eventos, a visibilización e comunicación de proxectos e entidades, e a creación de sinerxías, entre outras cousas.

O peche deste acto correrá a cargo de Milagros Domínguez, coñecida activista social e colaboradora habitual en medios de comunicación que forma parte da Asociación de Mulleres en Igualdade Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas; entidade incluída en Femupo.

O sábado, 27 de novembro, no Lugar de Borela en Cerdedo-Cotobade celebrarase ‘Na lembranza, da raíz á copa’, un acto de recordo que consistirá na plantación de trinta e sete árbores, un por cada muller vítima da violencia de xénero en España durante 2021. Esta acción non só “é para lembrar ás vítimas”, explica a presidenta de Femupo, “senón tamén para recordarnos que debemos seguir traballando por todas as mulleres e menores que ven as súas vidas ameazadas”.

A través deste acto, Femupo “quere facer partícipes ás administracións, asociacións, empresas e cidadanía en xeral da importancia da loita contra a violencia de xénero”. ‘Na lembranza, da raíz á copa’ é posible grazas ao traballo conxunto de Femupo, a asociación federada de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas en colaboración con CO2 Revolution, Forestalis, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Centro de EVD Mos. Para rematar, o 28 de novembro, Femupo organiza en colaboración coa asociación federada AMEI Tui (Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui) unha andaina contra a violencia de xénero que percorrerá oito quilómetros do camiño portugués, desde a ponte internacional de Tui ata o centro cultural de Ribadelouro.

Outros artigos