Félix González (PSOE Salvaterra) aspira ser un alcalde “á altura do reto da PLISAN”

Recibiu o apoio da presidenta da Deputación, Carmela Silva

Salvaterra de Miño/PSdeG-PSOE | Félix González ten moi claro que Salvaterra precisa dun alcalde que estea á altura do reto que supón o despegue do polígono empresarial da PLISAN.

O candidato socialista, que recibiu a visita da presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva, proponse gobernar “dende a terra e non dende o balcón”, converténdose no interlocutor directo de tódalas empresas interesadas en asentarse en Salvaterra para acompañalas e facilitarlles os trámites.

A primeira medida pasa por “dotar de músculo” ao servizo municipal de Urbanismo co obxectivo de dar saída en tempo e forma ás licenzas non só das empresas, senón tamén de vivendas, obras e negocios que se incrementarán a medida que a ocupación empresarial no polígono vaia medrando.

O candidato destacou que se a PLISAN saíu adiante foi porque David Regades converteuse en 2015 no delegado estatal no Consorcio da Zona Franca de Vigo. Unha apreciación na que coincidiu Carmela Silva, “porque, tras moitos anos cuns terreos abandonados e cheos de broza, agora hai parcelas con grandes empresas, obras para novas plantas e centos de postos de traballo”. “E iso coincidiu coa chegada dun socialista á Zona Franca”. “Hai que dicilo alto e claro”.

O candidato socialista recalcou que o Concello de Salvaterra non pode permitirse casos como o que está a padecer unha empresa, que ten un proxecto de dous millóns de euros para ampliar o seu negocio enriba da mesa, “e está a queixarse de que leva xa demasiado tempo agardando polo Concello”. “Queremos unha Salvaterra con futuro e o emprego é a clave”, engadiu.

O candidato socialista tamén propón poñer fin ao abandono das parroquias e impulsar o lecer e o deporte en todo o territorio e non só no centro urbano.

Senda ao colexio de Leirado
A visita de Carmela Silva á candidatura de Félix González tivo como escenario a nova senda peonil ao colexio de Leirado, “que antes era unha zona perigosísima onde as persoas carecían de espazo para moverse con seguridade, particularmente as nenas e nenos, e agora é un espazo seguro e fermoso”. Unha obra que exemplifica a colaboración constante da Deputación con este concello.

Carmela Silva pediu un cambio á xente de Salvaterra “para deixar atrás a un PP que non é innovador e que repite as mesmas cousas, mandato tras mandato e goberne onde goberne, para volver poñer no mapa a un Concello transfronteirizo que perdeu posición na provincia”. Por todo isto confiou en poder chamar ao novo alcalde no domingo pola noite “para comezar a falar do futuro e recuperar o tempo perdido”.