Feira de Abril en Ourense e na Mariña Lucense

Establecementos de hostalería celebran catro días gastronómicos

Ourense | Algúns establecementos de hostalería da rúa Lepanto celebrarán desde o xoves día 18 ata o domingo día 21 a Feira de Abril. A rúa Lepanto parte da Porta Norte da catedral ourensá ata a Praza do Ferro, no centro histórico da Cidade das Burgas.

A Feira de Sevilla de 2024 na capital andaluza comeza o domingo 14 de abril ás cero horas e finaliza o sábado 20 de abril ás 24:00 horas cun espectáculo de fogos artificiais. A “cea de pescaíto frito” previa á inauguración da Feira é o sábado 13 de abril. Comeza a noite do “alumbrao”, momento inaugural no que se acenden as luces do recinto feiral.

Tras unha semana de festa constante, a Feira conclúe cun gran espectáculo de fogos artificiais xunto ao río Guadalquivir. A Feira é como unha pequena e engalanada cidade. Un mundo efémero onde as casas son casetas, a iluminación conséguese con faroliños e todas as rúas teñen nomes de lendarios toureiros.

A Feira de Abril neste recuncho de Ourense “celebrarémola cos locais ambientados para o efecto, combinando a nosa gastronomía e as nosas bebidas coa andaluza”, segundo explica a organizadora María de los Ángeles Otero Bouzas. Os locais terán música ambiental e os clientes que o desexen asistirán vestidos para a ocasión. Ademáis da oferta diaria de cada local haberá “pescaito frito”, manzanilla, rebujito e viño fino.

Estes son os establecementos que participan na feira: Galicia Gourmet, Tapitas de Marián, Taberna O Enxebre, Casa Cortés, O Capricho, O Trasno, Fuentefría, El París, Bar Orellas e A Nosa Taberna.

Sorteos en Burela
Nesas mesmas datas, doce establecementos hostaleiros de Burela (Mariña Lucense) celebrarán a súa particular Feira de Abril. Trátase dunha iniciativa da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) que inclúe tapas a 3 euros e un tren para percorrer con comodidade os locais participantes o sábado e o domingo. Ademais sortearanse premios por valor de 750 euros.

Os establecementos participantes son: A Lonxa, A Marquesa, A’Mares, Boas Faragullas, Contraste, Doce Lecer, Nordés, Rompeolas, Salitre, Sargo, Vinoteca Ril e cafetería Vista Alegre que dispoñerán de dúas tapas diferentes durante os catro días de feira.

Coas consumicións os clientes poderán selar unha tarxeta e optar a un premio de 300 euros se a selan nos doce locais ou de 150 se o fan en seis deles. Haberá dous premios de 300 euros entre todos os participantes. Desde a Acia tamén animan aos clientes para subir unha foto ás súas redes sociais caracterizados etiquetando ACIABURELA nos establecementos participantes para entrar no sorteo de 150 euros.

Nas fotos, preparativos en Ourense e promotores da Feira de Abril en Burela vestidos para a ocasión.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.