Nunha editorial de xuño do 2024 preguntabámonos que podÍamos esperar de Europa. Aquel nove de xuño foron as eleccións europeas.
Daquela tiñamos forzas de esquerda que trataban manterse no Poder, forzas conservadoras que anunciaban poderían controlar o Parlamento para que ninguén se entremetera nas súas políticas de explotación e contaminación do territorio. Eran os que dicían NON ao ecoloxismo; NON á inmigración; NON ao control das grandes empresas para poder así pagar menos impostos. Trataba no meu escrito da coincidencia con Pedro Sánchez que nunha intervención no Parlamento se refería ás recomendacións dun libro que eu estaba lendo naqueles momentos: “Cómo mueren las democracias”, dos autores Steven Levitsky e Daniel Ziblatt.
Este libro ven a lembrarnos como chegaron ao PODER grupos políticos dende posturas populistas e contestatarias. Fala de Mussolini e de Hitler. Utiliza a fábula de Esopo : “El caballo, el ciervo y el cazador”, que seguro vostedes coñecen.
Preguntábame eu naquel editorial se en España poderíamos estar en situacións semellantes ás de Italia ou Alemaña. Hoxe podemos facernos a mesma pregunta? Eu creo que si.
A sociedade actual non cambiou tanto, precisamente, para que as sociedades actuais chamadas democráticas poidan presumir de verse lonxe daquel caldo de cultivo.
Hoxe asistimos abraiados como cada día se nos anuncia a intervención xudicial nas oficinas dunha forza política democrática buscando probas dunha suposta actividade corrupta. Asistimos a un verdadeiro bombardeo de noticias sen contrastar e todas na mesma dirección: tentar presentar ante a sociedade as entretelas supostamente corruptas das forzas políticas, sobre todo das que ostentan o Poder.
Hoxe podemos comprobar, se temos un chisco de curiosidade, como denuncias que foron noticia anos atrás dormen o sono dos xustos sen que ningunha instancia xudicial lle presta a máis mínima atención; sen embargo asistimos a unha autentica carreira de obstáculos para resolver, e no seu caso condenar, a persoas ou institucións que veñen de ser denunciadas antonte. Dúas velocidades que non sabemos a conta de que, ou si o sabemos?
“Para comprobar como os tribunais españoles se poñen en marcha de contado só precisamos coñecer o suposto corpo do delito”
Para comprobar como os tribunais españoles se poñen en marcha de contado só precisamos coñecer o suposto corpo do delito. Cada día asistimos a todo un espectáculo denigrante de policías xudiciais cargando con caixas e caixas sacadas das oficinas de despachos dun determinado partido político ou cargo público pertencente a forza política que está no Poder, na maioría dos casos. Automaticamente o “exercito de medios pesebreistas” ponse en marcha e xa condena a torto e a dereito antes de nin sequera ser chamados a declarar. O chamado tribunal do telediario.

Anos há existiron tramas políticas corruptas que nestes momentos deben estar a punto de caducar o tempo de ser investigadas. Daquela o ex-presidente M. Rajoy declaraba que era unha trama contra o PP pero non era nada responsabilidade do PP. As entradas en sedes populares para recoller ordenadores e máis material informativo para o seu estudio xa foron hai un montón de anos. Cando en días pasados certos responsables políticos foron chamados a declarar confesaron en sede xudicial que non se lembraban de nada, que todo eran patrañas dos seus inimigos. Daquela todos lembramos como un tal Sr. Montoro, que foi Ministro de Facenda en dúas ocasións, aseguraba nos medios “non importa que vostedes (referíase aos que estaban gobernando) acaben con España que xa viremos nós (lease os do PP) para levantala”. Resulta ser este mesmo político de altos vos ao que se lle descubre unha trama urdida dende o seu propio ministerio e un despacho de avogados polo que antes de levar calquera disposición ao Boletín Oficial do Estado informaban aos posibles damnificados para que fixeran as aportacións correspondentes, de maneira que a lei de marras saíra segundo os seus intereses. Isto foi confesado e comprobado polos documentos extraídos dos devanditos despachos. Porén, estes feitos tan escandalosos aínda están sen xulgar. Non só iso senón que cando unha xuíz pretendeu facelo as instancias superiores lle indicaron non tocarlle. E cando esta muller non se conformou e solicitou aos Mossos de Escuadra que o fixeran, sufriron a mesma resposta; pero non so iso, senón que a xuíz entremetida foi sancionada con mil euros de multa. Que lles parece.
Que pasou logo con todo esta escándalo? Preguntaranse vostedes con todo dereito. Pois nada. Seguramente estarán esperando que esas falcatruadas caduquen e os beneficiados se vaian de “rositas”.
Quen poida facer que faga! Esta é unha máxima que o ex-presidente Sr. Aznar saca á palestra como consigna do facer político. Refírese a todos os estamentos do Poder: partidos, estamentos xudiciais, órganos de goberno, etc. El saberá a que xoga.
Hoxe temos algo claro. Tanto Feijóo como Abascal teñen como obxectivo tombar a Pedro Sánchez: polas boas, eleccións, ou polas malas: denuncias, medios afíns, manifestacións, etc.
“Hoxe temos algo claro. Tanto Feijóo como Abascal teñen como obxectivo tombar a Pedro Sánchez”
Pero isto non é novo. Xa no pasado 1998 Luis Maria Ansón, liberal, conservador e monárquico confesou que xa nos seus tempos de director de medios de comunicación puxeron aquela campaña da que confesaba: “Para sacar a Felipe do Poder houbo que rozar a estabilidade do Estado”. Curiosamente hoxe Felipe faise fotos con aqueles que fixeron todo para derrubalo. Cousas verdes, amigo Sancho!.
O “galope de Gish”, aluvión de datos e datas sen contrastar, indicios que se contradín , un sumario sen que se coñeza o protagonista indutor, un grupo heteroxéneo de espionaxe ao mais alto nivel con aspiración do Mossad,…Parecera que nese maltratado País non aprendemos que “contra as estruturas estatais bendicidas no 78 non se xoga”.
Teñan coidado coas calores destes días. Parece que nos están preparando para resistir “os lumes fascistas e inhumanos” que nos arrollan.
Sexan felices, se poden.





