Expourense organizou 10 feiras, acolleu 20 eventos e celebrou 42 competicións deportivas en 2025

Termatalia en Colombia e a Feira do Ensino foron os principais fitos do calendario

Ourense | A Fundación Expourense presentou esta mañá os datos de 2025, doce meses de intensa actividade nos que a actividade feiral e a deportiva compartiron protagonismo a través da organización de 10 feiras (dúas delas co Selo de Internacionalidade do Goberno de España) e 42 competicións deportivas campionatos de atletismo de carácter autonómico, nacional e, por primeira vez, internacional. Os tres eixos sobre os que xirou a actividade de Expourense durante o ano pasado (feiral, deportivo e eventos) superaron as 111.000 visitas. Estes datos consolidan ao recinto feira como un axente dinamizador da actividade económica, empresarial, deportiva e social que fomenta o negocio e o talento, tanto de toda Galicia en xeral como da provincia de Ourense en particular.

O acto de presentación foi presidido polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, que acudiu coa delegación expresa do presidente do Padroado da Fundación, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, que descatou que Expourense é “un lugar de encontro, cooperación e entendemento”.

Estivo acompañado polos representantes das entidades que tamén forman parte do Padroado como Manuel Pardo Cid, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense; Marta Nóvoa Iglesias, vicepresidenta da Deputación de Ourense e alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas; Aníbal Pereira Novoa, tenente alcalde do Concello de Ourense; David Martínez Alonso, presidente da CEO, e José Manuel Nogueira Durán, coordinador institucional de ABANCA. Todas estas entidades (Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Concello de Ourense, Concello de San Cibrao, Confederación Empresarial de Ourense- CEO e ABANCA) son as que integran o Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense.

A presentación dos datos de actividade de 2025 correu a cargo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, quen insistiu en que “Expourense é a casa de todos, un espazo de cooperación público-privada no que todos temos o mesmo obxectivo: o desenvolvemento socioeconómico de Galicia en xeral e da nosa provincia de Ourense en particular. E contribuímos a todo isto organizando citas únicas que fomentan a competitividade das nosas empresas e que facilitan contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía, a viticultura, o turismo activo ou a automoción”. Este acto rematou co acto de entrega a Expourense do recoñecemento aos 25 anos de Certificación en Calidade (ISO 9001) que correu a cargo da directora de Operación da Rexión Atlántica AENOR, Rebeca Fernández.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.