Exposición “Enerxía, Auga e Máquinas” na Guarda

Ata o 16 de xaneiro na Casa dos Alonso

A Guarda | Dende o vindeiro martes 23 de xaneiro e ata o 16 de febreiro poderase visitar na Casa dos Alonso unha nova exposición, que nesta ocasión nos achega ao mundo da enxeñería de das posibilidades da auga como enerxía e motor de desenvolvemento.

Carlos Javier Álvarez Fernández nos amosa 5 maquetas nas que se poden ver diferentes máquinas e estructuras que incorporan a roda hidraúlica para o seu funcionamento, que podía ser vertical ou horizontal.

Aproveitando unha corrente de auga conseguíase facela virar e, mediante diferentes mecanismos de transmisión do movemento, a roda era capaz de poñer en funcionamento muíños, batanes, serras, mazos, foles, acuñadores de moeda etc. As rodas de auga tamén podían ter como cometido a subida da auga desde un nivel inferior a outro superior. Falamos, neste caso, das noras.

Trátase dunha exposición de carácter didáctico, coa que se pretende mostrar o modo no que o home foi capaz de obter, dun elemento natural como a auga, a enerxía necesaria para realizar diferentes traballos ao longo do tempo. Para iso, o enxeño humano tivo que concibir, deseñar e construír máquinas (enxeños mecánicos) que puidesen aproveitar esa enerxía e convertela en traballo.

Na exposición faise referencia a todo iso mediante dez paneis de texto e pódense visualizar cinco “máquinas” construídas en madeira: catro delas teñen en común o emprego de rodas hidráulicas verticais que fan funcionar mazos, muíños, amasadoras e unha empuxadora.

Para conseguilo, estes enxeños utilizan diferentes mecanismos de trasmisión do movemento da roda aos elementos de traballo: engrenaxes, sistema biela- manivela, levas, poleas e correas. A quinta máquina é unha nora que eleva auga para trasladala a un nivel superior.