Exposición de proxectos para o Bordo litoral

A Coruña | O alcalde, Xulio Ferreiro, inaugurou esta tarde no Pazo de María Pita a exposición dos cinco proxectos sobre o futuro do bordo litoral que resultaron máis valorados no concurso de ideas e sobre os que a cidadanía pode votar ata o 26 de marzo. A mostra, que complementa a información dispoñible na web e as presentacións públicas de cada proxecto que se farán mañá no espazo Tribuna Pública ás 19.30 horas, estará aberta ata o día 17 de marzo.

O rexedor, que animou á cidadanía a participar da votación, cualificou esta responsabilidade de decidir o futuro de bordo atlántico da cidade “como histórica e transcendental” para a que é preciso “xuntar as nosas capacidades e reclamar a todas as administracións implicadas que estean á altura do momento”. Nesta liña, Ferreiro considerou que as administracións “deben sopesar a súa responsabilidade e capacidade de acción nunha batalla que A Coruña non vai deixar de pelexar”. “O futuro dos peiraos interiores da Coruña non é unha cuestión que se poida meter nun caixón e esperar a que se esqueza, porque non se nos pode pedir aos coruñeses e ás coruñesas que non levantemos a cabeza e imaxinemos un porto aberto e dinámico, un porto motor dunha economía verde e azul para a cidade e un espazo que exerza de ponte entre a cidade e o mar, entre A Coruña, a súa ría e a súa área metropolitana”, afirmou.

Outros artigos