Exposición “Cociña Histórica Sefardí”, da Red de Juderías en Monforte

Está aberta na Casa da Cultura

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, inaugurou, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, a exposición que o Concello, xunto á Red de Juderías de España, Caminos de Sefarad, organizou baixo o título “Cociña Histórica Sefardí “.

“Con esta exposición de fotografías e paneis”, destacou Tomé, “propoñemos unha viaxe no tempo para coñecer a historia da gastronomía xudioespañola e para elo tomamos coma referencia o libro Sabores de Sefarad escrito por Javier Zafra”.

“Cociña Histórica Sefardí”, consta de 27 láminas informativas de 115×62 cm. e vai acompañada dunha aplicación web que traduce os textos de cada lámina, que poden lerse ou escoitarse en audio.

Cociña Histórica Sefardí
Falar de cociña medieval, xa sexa hebrea, cristiá ou musulmá, leva implícito falar de mulleres. Elas mantiveron viva a chama do fogar e a custodia dos receitarios arcanos, legados das súas nonas e das súas nais, incluso das súas sogras.

A cociña sefardí é diaspórica e foi asimilando a maneira de guisar e os alimentos das civilizacións peninsulares coas que conviviu: dende os fenicios, unha cociña mariñeira, a “Tétrada Íbera”, a “Tríada Mediterránea” da tradición grecorromana e a “Revolución Verde Andalusí”, onde a cociña evolucionou ata converterse en gastronomía. Tras a expulsión en 1492, a influencia viría da cociña arabizada do Imperio Otomán e doutras comunidades xudías do Mediterráneo.

A Red de Juderías de España, no seu labor de investigación, recuperación, divulgación e promoción da cultura sefardí, desenvolveu esta mostra dedicada á gastronomía histórica sefardí, entre cuxos obxectivos está non só o dispoñer dunha fonte contrastada e documentada sobre todos os aspectos da cociña: os ingredientes, receitas, usos e normas e características desta cociña, senón especialmente en como difundila para que coñezamos as conexións e volva a entrar nas nosas cociñas, recoñecendo as peculiaridades desta cociña e desta cultura.