Exitoso obradoiro de teatro veciñal no Mosteiro de Oia

Iniciativa municipal enmarcada no programa “O teu Xacobeo”

Oia | A representación do obradoiro de teatro veciñal de Oia celebrada este sábado colleitou un novo éxito de asistencia de público, que puido contemplar nesta terceira edición unha proposta novidosa.

No evento participaron 5 artistas convidadas: Mónica de Nut (canto), Elsa Pereira (danza), Silvia Penas (poesía), AveLina Pérez (teatro) e Gloria Rodríguez Gil (música), baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística) e coa narración de Patricia Muñoz.

O pasado sábado 25 de setembro, o Mosteiro de Oia acolleu tres pases do “6×6 punto de encontro o Arrabal. O mar tamén ten amores”, una visita dramatizada polo interior do cenobio que incluíu 5 intervencións artísticas de diferentes disciplinas.

Esta actividade, convertida nun verdadeiro punto de encontro entre alumnado, artistas, público e patrimonio; foi resultado dos traballos desenvolvidos durante o obradoiro veciñal de artes escénicas e do movemento celebrado durante este mes de setembro baixo a dirección de A Artística.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou a gran calidade das artistas convidadas que participaron na edición deste ano. Ao mesmo tempo, quixo trasladar o seu recoñecemento ao alumnado e á dirección do obradoiro “pola súa implicación, o esforzo e o bo facer técnico e artístico demostrado”.

Correa tamén destacou a boa resposta do público a esta novidosa proposta cultural pese as circunstancias sanitarias actuais. Debido ás restricións da COVID-19 decidíronse programar tres pases distintos para poder contar cun maior número de asistentes e, aínda así, “as inscricións cubríronse en aproximadamente 48 horas, sendo preciso abrir unha lista de agarda”, lembrou.

Finalmente, quixo trasladar o seu agradecemento ao Mosteiro de Oia, por colaborar na iniciativa cedendo o espazo para a representación, e ao programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

Proxecto “6×6 punto de encontro”
O “6×6 punto de encontro o Arrabal. O mar tamén ten amores” é unha iniciativa organizada polo Concello de Oia e beneficiaria do programa “O teu Xacobeo”. A súa programación incluíu un obradoiro veciñal durante o mes de setembro, a xornada de representación celebrada o sábado e un paseo guiado de temática feminina que se desenvolveu o domingo 19 no barrio do Arrabal.

Baixo o título específico “o mar tamén ten amores”, o traballo deste ano no obradoiro de teatro buscou poñer en valor a achega das mulleres na historia de Oia e recoñecer traballos tradicionalmente invisibilizados ou pouco recoñecidos. O programa de man do evento do sábado está accesible para a súa descarga na seguinte ligazón.