Éxito total no campus de verán de Ponteareas

Cun total de 100 nena/os e un responsable comportamento

Ponteareas | Este 30 de xullo concluíu unha quincena de activades para os máis de 100 cativos e cativas que asistiron ao aos campus de verán do Concello de Ponterareas. A alcaldesa e a responsable da Concellaría de Ensino de Ponteareas, Cristina Fernández, quixo agradecer aos menores o seu bo comportamento cunha entrega de libros, mochilas, e material de debuxo. “Foron moi responsables coas normas sanitarias e merecen un recoñecemento”, destacou.

Arredor de 111 nenos e nenas gozaron durante esta quincena dun verán cheo de actividades no Campus Tea e no Verán Rural. A través destes campamentos, o Concello promove actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas.

Combinando xogo e saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento, estes campamentos teñen por obxectivo espertar a curiosidade das e dos participantes, ampliar o seu coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha pedagoxía de lecer baseada na educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no respecto ao medio ambiente.

A alcaldesa ponteareán (centro) posa cun grupo de cativa/os participantes no programa.

Durante o mes de agosto estes xogos continuarán, xa que tanto a primeira como a segunda quincena, teñen máis de 100 menores inscritos, entre o Campus de Tea, que se desenvolve nas instalación do colexio público Nosa Señora dos Remedias e a última quenda do Verán Rural en Angoares.

A ludoteca municipal ten prazas libres para agosto
A ludoteca municipal aínda ten prazas libres para as actividades do mes de agosto. As familias de Ponteareas que o desexen poden anotar aos nenos e nenas de 6 a 12 anos ao longo dun mes cheo de aventuras e diversións. O servizo municipal traballa sempre con grupos pequenos e cumprindo con todas as medidas de prevención dada a situación sanitaria.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, anima á veciñanza a inscribir aos cativos e cativas na ludoteca municipal para que gocen dun verán de lecer activo, lúdico e tamén educativo. A programación inclúe xogos, manualidades, repostería e cociña, expresión corporal e musical, saídas… e unha morea de actividades coas que os nenos e nenas desfrutarán do seu último mes de vacacións estivais.

As inscricións poderán realizarse de 09.00 a 15.00 horas nas instalacións da ludoteca na Avenida de Castelao, enviando un correo electrónico a ludoteca@ponteareas.es ou no teléfono 673 79 47 60. Os nenos e nenas inscritas poderán elixir entre unha mañá ou dúas á semana.

Os martes e xoves estarán destinados a menores de 6 a 9 anos e os luns e mércores aos de 9 a 12 anos. A taxa por neno e mes é de 14,64€ por unha mañá completa ou de 29,28 en caso de acudir dúas.

Para a inscrición é imprescindíbel achegar fotocopia do DNI de pai/nai ou titor/titora do menor; fotocopia do DNI da nena ou neno usuario da ludoteca; fotocopia do libro de familia e os impresos que se proporcionan na ludoteca, que deben entregarse cumprimentados e asinados.

A ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que as nenas e nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental.