Éxito absoluto na primeira andaina polo Miño e viñedos en Salvaterra

Organizada polo clube de Montañismo Airiños

Salvaterra de Miño | O pasado domingo celebrouse a 1ª andaina organizada polo Concello de Salvaterra en colaboración co clube de Montañismo Airiños, que consistiu nunha marcha circular  que saía dende a Praza do Concello e que remataba no mesmo lugar, facéndose o último tramo da etapa no tren turístico, para facer as ledicias dos participantes.

Nela, percorréronse preto de 12 km. dende o Parque da Canuda, río abaixo polas sendas do Miño, adentrándose en terras de viñedos do Condado ata a senda do Río Caselas, molinos, Pontes e vexetación ata o final da ruta na Ponte da Pereira.

No tramo de volta, o tren turístico amosaba de xeito diferente algunas zonas do interior e dalgunhas parroquias con particularidades interesantes, que os guías ían amosando e explicando aos participantes. Dende o Concello transmitimos os nosos parabéns a todos e todas os participantes, dado o éxito rotundo da actividade, con todas as prazas cubertas e unha longa lista de reserva.

Ademais, en breves sairá outra experiencia cunha nova ruta, sempre da man por suposto do Clube Airiños, a quen o Concello achega a súa gratitude pola súa grande colaboración e profesionalidade, pondo en valor todo o noso patrimonio paisaxístico e agardando novos proxectos para satisfacer a todos os veciños e veciñas aventureiros.