Europa coñecerá as alfombras do Corpus de Ponteareas

Son os casos da canaria La Orotava, a portuguesa Monçao e agora a italiana Pietra Ligure

Ponteareas | No marco da vindeira edición do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, ademais da tradicional delegación de La Orotava e de Monçao, tamén deixarán a súa pegada nos tramos alfombrados ponteareáns representantes da italiana Pietra Ligure.

A delegación italiana visita por primeira vez o Corpus ponteareán despois de que a Asociación de Alfombristas Ponteareas fora convidada en varias ocasións a participar no Pietra Ligure Infiore, un dos certames máis importantes de Europa de arte efémera polo seu número de participantes e polo tamaño das obras creadas. Esta delegación confeccionará o seu tapiz floral, que será redondo, na Praza Bugallal.

O Corpus Christi 2023 contará tamén coa presenza da delegación tinerfeña de La Orotava, que visitará Ponteareas nun ano moi especial, xa que se celebra o 40 aniversario de irmandade entre as dúas vilas. A súa alfombra presidirá novamente a Praza de Bugallal o vindeiro 11 de xuño.

Como é xa tradición, tamén estará en Ponteareas a delegación de Monçao, reforzando un ano máis os lazos de irmandade coa cidade portuguesa. A rúa Fernández Vega gardará o espazo habitual para a alfombra lusa.

O Corpus na porta de Vigo
Por outra banda, e por segundo ano consecutivo, Concello e Asociación de Alfombristas de Ponteareas comezaron unha campaña de promoción para achegar esta festa de Interese Turístico Internacional a Vigo cunha completa exposición no centro comercial Vialia na que a fotografía e a arte efémera camiñan da man.

A exposición complétase coa mostra ‘O Corpus no tempo’, que recolle 20 fotografías das alfombras realizadas en varios tramos en diferentes anos e distintas épocas.

Recóllense así novas imaxes das decoracións florais que encheron as rúas ponteareás no día de Corpus Christi a través do tempo, unha tradición que foi imitada por outras localidades ao longo dos anos.

Nova web turística
O Concello de Ponteareas lanza unha nova web de turismo coa que busca descubrir os encantos da vila do Tea a veciñanza e visitantes. É unha páxina web cun deseño e estilo directo e ameno, que trata de captar a atención das persoas usuarias dende o primeiro momento.

O seu enfoque visual combinado cunha navegación sinxela, intuitiva, funcional e accesíbel garante unha navegación cómoda e satisfactoria para todas aquelas persoas que desexen descubrir os encantos de Ponteareas.

Destacan nesta web o Corpus Christi de Ponteareas, con fotografías actuais e antigas, así como parte da historia ou algúns dos segredos das alfombras ponteareás e o documental completo ‘As mans do Corpus’, que pon en valor o traballo colectivo que supón esta Festa de Interese Turístico Internacional, e achegarse ao Museo do Corpus a Ceo Aberto. Tamén están o Castelo do Sobroso, o Castro de Troña, o Convento de Canedo ou diferentes bens patrimoniais. Miradoiros, montes, parques forestais ou a Ponteareas fluvial poden descubrirse no apartado de natureza.