EU Ponteareas solicita ao pleno a retirada da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro responsable

A Xunta de Goberno evitou o debate e a votación da moción.

Ponteareas/EU | Esquerda Unida levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.