EU Ponteareas e Podemos afinan estratexias de cara ás municipais 2023

Manterán a súa primeira xuntanza conxunta este 3 de decembro

Ponteareas/Esquerda Unida | Logo do acordo de traballo conxunto de cara ás vindeiras Eleccións Municipais de 2023 Esquerda Unida e Podemos de Ponteareas comezarán a realizar unha serie de reunións programáticas de cara a elaborar conxuntamente o programa electoral. A primeira destas reunión realizarase este sábado 3 de decembro e nela trataranse as cuestións relativas a administración e emprego.

Nestas reunión participarán tanto a militancia coma simpatizantes das dúas organizacións. O resultado dos acordos tomados nestas reunións serán incorporados ao Programa Electoral para as Elección Municipais de 2023 ao que se presentarán as dúas organizacións de forma conxunta en Ponteareas.

A intención é contar para as eleccións cun programa claramente de esquerdas e posible de executar, que non caia en promesas valeiras pero que ao mesmo tempo sexa un programa con intención transformadora e que vaia máis alá da simple “xestión do que hai” á que nos teñen acostumados os actuais gobernantes.

Con esta forma de traballo conxunto agárdase camiñar cara a unha confluencia pola base que vaia máis alá do simple acordo electoral.