Estudantes da UDC organizan exposición sobre o Prestige

Reúne libros e textos que ilustran a relevancia do suceso histórico

A Coruña | Este 22 de novembro, ás 13:00 h, inaugurouse na biblioteca da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña a exposición bibliográfica Vinte anos do Prestige: as artes contra a marea negra, que lembra a catástrofe e serve como homenaxe a todas as persoas afectadas e mobilizadas.

A iniciativa foi organizada polo alumnado da materia de Poesía en Lingua Galega e Portuguesa da mesma facultade, que realizará unha visita guiada durante o acto de inauguración.

Pasaron vinte anos desde o 13 de novembro de 2002, en que o Prestige afundía na costa galega tras a pasividade da Xunta de Galicia e das autoridades do Estado español. O naufraxio provocou un dos maiores desastres ecolóxicos da historia de Galiza, xerando unha inminente resposta por parte da cidadanía galega, o movemento Nunca Máis. A bandeira galega tinxiu a súa franxa azul de loito e converteuse no símbolo desta plataforma, que se particularizou polas mobilizacións masivas do pobo nas rúas e en todos os eidos artísticos.

Debido á cantidade e á calidade de textos que circulan arredor deste fito, e co gallo do vinte aniversario desta traxedia, o alumnado de Poesía en Lingua Galega e Portuguesa organizou esta exposición en cinco seccións: Crónica e análise política, Impacto ecolóxico, Libros de fotografía, Libros de creación e Libros de poesía. O público asistente á exposición e ás visitas guiadas poderá ler tanto nos libros como nos paneis textos representativos asociados ao suceso histórico.

O obxectivo da exposición é contribuírmos ao non esquecemento tanto dos feitos ocorridos como da pasividade e neglixencia que levaron a esta catástrofe natural. Ademais, pretende volver dar voz e visibilidade ao movemento Nunca Máis, bandeira de unión do pobo galego contra o silencio e o inmobilismo dos dirixentes políticos.

Nese sentido, todas as clases de arte recollidas (da literatura ás artes plásticas, pasando pola fotografía) foron fundamentais para o movemento. Serán realizadas outras visitas guiadas os días 29 de novembro (ás 13:00 h) e 30 de novembro (ás 16:00 h), para as cales é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico biblioteca.filoloxia@udc.gal ou do teléfono 881011712.