Esther Sestelo Longueira, pregoeira do Corpus 2022 en Ponteareas

Doutora en Musicoloxía e Licenciada en Historia e Ciencias da Música

Ponteareas | O goberno local de Ponteareas vén de anunciar que Esther Sestelo Longueira será a pregoeira do Corpus Christi 2022. Natural de Ponteareas, Sestelo está afincada en Madrid, traballando no Conservatorio Profesional de Música Joaquín Turina e impartindo Humanismo e Música na Fundación Universitaria San Pablo CEU.

É Doutora en Musicoloxía e Licenciada en Historia e Ciencias da Música, e impartiu docencia en diferentes universidades estatais e internacionais, así como en numerosos conservatorios españois. A pregoeira posúe tamén estudos de Psicoloxía e é Diplomada en Lingua Inglesa pola Universidade de California, onde realizou estudos de Doutorado en Lingüística e Literatura Hispanoamericana, así como de Máster en Piano e Música de Cámara.

Ademais, é unha escritora prolífica con 9 títulos publicados, compaxinando investigación e literatura. Colabora con Aldeas Infantiles SOS e Save The Children, doando os dereitos de autor dos seus libros infantís e xuvenís a estas ONG.

“Esther é un exemplo de solidariedade e compromiso e nunca esquece as súas orixes. A súa traxectoria está fortemente ligada á música, que xunto ás alfombras do Corpus é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo. Por iso consideramos que é unha excepcional pregoeira para abrir as celebracións deste ano”, indicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A lectura do Pregón terá lugar o domingo 12 de xuño e marcará o inicio dunha semana de Corpus chea de actividades, que recuperan a súa normalidade.

Melloras no Centro de Día
Por outra banda, o Concello de Ponteareas continúa dando pasos na súa aposta por mellorar os servizos e instalacións municipais, ao tempo que camiña cara unha vila máis sustentábel.

O Goberno local do BNG-PSOE aprobou este luns en Xunta de Goberno o proxecto técnico para a mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día, situado na rúa Santa Ana.

O obxectivo é “mellorar o confort dos usuarios e usuarias ao tempo que se dá unha mellora na conservación do inmoble, acondicionando interior e exterior do edificio e conseguindo unha mellora substancial do illamento térmico e unha redución do consumo anual de enerxía non renovable, unha estratexia que dende o Concello xa estamos a aplicar en distintos edificios públicos”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O proxecto conta coa autorización sectorial da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, e suporá un investimento de case 43.500 euros. A actuación estará cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e nun 20% con fondos propios.

As obras previstas contemplan a limpeza e reparación da fachada, o levantamento de carpintaría exterior existente, a instalación dunha nova e o illamento exterior das fachadas e do falso teito existente, así como a renovación da pintura interior. Con esta actuación, “a mellora na eficiencia enerxética situarase nun dos estándares máis altos fixados pola Unión Europea, que ademais é un dos obxectivos polos que a estratexia ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’ acadou a confianza de Europa”, como salienta a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote.