“Este será o Corpus máis emocionante”

Juan Carlos González Carrera | Tenente-Alcalde do Concello de Ponteareas

Juan Carlos González Carrera (Alternativa Cidadá de Ponteareas, ACiP) volve ao goberno municipal, agora como Tenente-Alcalde de Nava Castro (PP). Falamos con el da actualidade da coalición de goberno co gallo das Festas do Corpus 2024.

Como Tenente Alcalde gostaría ter máis competencias?
Honestamente, non. Chegamos a un pacto de goberno baseado no entendemento e no diálogo. Estou satisfeito; non teño ningún ego por ter outras concellerías.

“Chegamos a un pacto de goberno baseado no entendemento e no diálogo”

Nestes meses de goberno atopouse con algún tema que non é posible que poida resolver? En caso afirmativo cales, por culpa de qué e de quen?
O primeiro que fixemos foi tomar contacto coa realidade. Atopámonos con algunhas sorpresas a nivel de Orzamento. Arrancamos cun novo orzamento realizado xa pola coalición de goberno. Non me encontrei con ningunha situación que non se poida realizar. Certo que na Administración os tempos son moito máis lentos do que quixéramos. Hai proxectos e iniciativas que requiren o seu tempo.

Cales son os cambios importantes introducidos nas súas áreas de competencia?
O primeiro que tiñamos claro é que debíamos ter un contacto directo cos traballadores municipais. Algo esquecido tanto aquí como na Administración en xeral. Hai que trasmitir positividade para que o traballador faga o seu traballo con esmero, profesionalidade e cercanía. Creamos mecanismos de coordinación entre os propios traballadores porque sabíamos da necesidade de cubrir postos vacantes existentes.

Por exemplo: en poucos días incorpórase un novo oficial de electricista; algo moi importante. Neste Concello só temos agora mesmo un. É dicir, esta persoa ten que estar localizable os 365 días do ano e as 24 horas. Logramos cubrir dúas prazas de oficiais de primeira, unha de peón de mantemento. Agora temos unhas brigadas de vías e obras cos medios e persoas necesarios. No alumeado igualmente. Dúas novas prazas de axentes da policía municipal; prioridades básicas dende o primeiro momento traballando de cara ao cidadán.

Hoxe a atención ao cidadán faise directamente tan pronto entre pola porta. Acabouse a cita previa. Iso implica coordinar con outras tareas, que poden facerse noutros horarios. Pola mañá atendemos á xente.

Ese aumento de persoal foi con fondos da Deputación, da Xunta o propios?
Con fondos propios, con medios propios do Concello, cos impostos dos veciños. Dentro do orzamento municipal existía un capítulo de persoal e prazas vacantes, que o goberno anterior non as cubría. Chegaban a final de ano en non tiñan diñeiro no Capítulo II de investimentos e facían eses cambios de trasvase. Entendemos que temos que ter unha brigadas básicas para desenvolver o noso traballo.

Cales son as diferencias máis importantes entre o goberno, xa lonxano, do seu grupo con Nava Castro e o actual?
Naquel momento (2000-2003), cando estiven con Nava Castro pertencía ao mesmo grupo que ela. Agora mesmo son dous grupos que temos unha coalición de goberno, un pacto de goberno. As dúas partes sabemos perfectamente que responsabilidades temos e ese entendemento é fundamental para que funcione o pacto.

O medio rural foi algo sensible na súa acción como político. Cre que obtivo beneficios políticos dese seu posicionamento?
Os datos están aí. Non obtiven rendemento. O meu resultado está no casco urbano, é curioso cando eu son defensor nato do noso rural.

O rural non lle respondeu politicamente?
Non. Nalgunha parroquia concreta baixamos en votos, noutras subimos. O rural aporta o 50% e o casco urbán o outro 50% cando din que o noso voto vén do rural. Como dixen eu son un defensor nato do rural. Se alguén recurriu o Plan Xeral foi este grupo. E se ese plan está recorrido no Tribunal Supremo foi porque este grupo se mantivo para recurrilo. Iso foi unha das primeiras pautas claras na coalición. Seguiremos defendendo o recurso do Plan Xeral porque era un compromiso cos nosos veciños e este plan prexudica principalmente á xente do rural.

“Está moi limitado o Plan Xeral no rural porque se primou ao casco urbano”

A este propósito, un veciño de Puzo queixábase de que esta localidade “non existe para o goberno”. Que non se lle permite edificar na súa parcela arredor da casa.
Está moi limitado o Plan Xeral no rural. Depende en qué zona estea esas limitacións prexudican nalgúns casos e aféctanlle directamente aos veciños. É un gran problema.

Logo, primouse o casco urbán?
Para min si. O Plan Xeral é como se fose unha mesa, que é o termo municipal, e aí hai un desenvolvemento dun tanto por cento de edificabilidade que permite a normativa.

Poido ser prevendo a posibilidade de ter que permitir máis edificabilidade en lugares concretos para poder disponer de chan para dotacións municipais como poden ser terreos para aparcadoiros?
Non, eu non o miro aí. Eu miro no mal desenvolvemento que fixeron no casco urbano.

Qué sucede co aparcamento de Sarmiento? Pasa ao Concello? Pode construír aí o propietario?
Aí hai unha área de reparto e na mesma eles teñen que facer unhas cesións ao Concello. Iso está dentro da Lei do Solo de Galicia. Dentro desa cesión ten esa superficie que estamos utilizando agora.

Aí pódese construír?
Non.

Está de acordo cos cambios anunciados na rúa Xoán de Guillade?
O único que aí está previsto facer é suprimir os badéns esaxerados que existen. Unha ambulancia tería serios problemas para chegar con rapidez pasando por esa vía urbana. Logo o que se vai tentar resolver é un problema que parece que agora quéreno centrar nunha clínica. Pero non é só esa clínica. O director do colexio Ramiro Sabell me dicía que teñen problemas co acceso do profesorado ao centro educativo porque están entrando por dirección prohibida. O problema está se pasa un accidente, se hai un atropello ou calquera circunstancia. Hai que buscar unha solución acorde ás necesidades.

Pero se comenta que aí van facer dúas direccións?
Non. Eu pediríalle aos grupos políticos que a información sexa baseada nun criterio real. En ningún proxecto pon iso. O único que pon o proxecto é que se vai aos pasos elevados, que están provocando problemas ata nas vivendas colindantes cando pasa certo transporte. Polo tanto hai un problema serio e estamos actuando nese tema para resolvelo.

Tema aparcadoiros. Sportivo, Barrio Santa Ana, que hai de certo?
A propiedade de Santa Ana está estudando unha proposta para presentar ao Concello. Valoraremola e se ten viabilidade daremos para adiante para tentar solucionar ese problema. Tería dúas entradas.

Sería feito polo Concello? Ao ar libre?
O Concello non ten capacidade. Sería en base ao convenio coa propiedade e sería subterráneo.

O terreo do Sportivo. Como está a situación?
É un terreo dentro dunha sociedade cultural. Son os propios socios do Sportivo os que teñen que decidir que queren que se faga meses terreos.

Hai algunha proposta do Concello?
A proposta do Concello é chegar a un acordo co Sportivo e coas partes traseiras de todas as propiedades que temos nesa zona, que son máis que a propia superficie do Sportivo. E aí crear un aparcamento subterráneo que beneficiaría ao Sportivo porque sería soterrado; porque tamén podería preparar as instalacións do exterior e, por outro lado, un convenio que determine que, se ben iso é agora mesmo do Sportivo, ten que ter tamén un beneficio anual desa cesión ou desa parte de explotación. Estase valorando, estase facendo un estudo e farase unha proposta ao Sportivo. Agradezo a oportunidade xa que estamos falando do Sportivo sobre unhas declaracións miñas que crearon malestar nalgún socio do Sportivo. Eu non dixen que o Concello vai facer un aparcamento.

Tema deportivo. Que proxectos hai en marcha?
Hai un importante presentado recentemente polo Presidente da Deputación, Luís López, sobre a colocación de herba artificial no campo de San Mateo (O Cruceiro ), no que xoga o equipo decano feminino (Sporting Club San Mateo) que ten cinco equipos competindo e 90 fichas. Fixemos unha previsión de investimento de 377.000€. Igualmente actuaremos no campo do equipo de Santiago de Oliveira. Démoslle un cambio importante ás instalacións deportivas de Pardellas, cuxo céspede foi tamén arranxado. En primeiro lugar estamos a coidar as instalacións que temos e, por outro lado, aqueles deportes que son minoritarios e que ao parecer non teñen tanta repercusión mediática, tamén axudarllos a facer instalacións. Como proba pasamos dunha liña de axudas de 75.000 euros a 200.000 euros.

“Aumentamos a liña de axudas para o deporte de 75.000€ a 200.000€”

Que pasa co camping de Pardellas?
Estase xestionando unha axuda por medio dun plan específico para facer unha limpeza interior e tamén unha actuación no sendeiro do río Tea. Temos o compromiso con dous festivais que se van a celebrar en Ponteareas, un deles o Afluente en xullo e outro para as instalacións da acampada dos que vaian a chegar ao camping da Freixa. Imos contra reloxo pero esperamos poder chegar.

Aproveite Vde. para saudar aos ponteareáns co respecto á Festa do Corpus.
Son nativo de aquí e teño que dicir que este será o Corpus máis emocionante que podo vivir. E podo dicilo porque unha cousa é vivilo dende fóra; eu tamén fun alfombrista na rúa Froilán Soutullo e este ano, como Tenente da Alcaldesa e concelleiro de Cultura, tócame coñecer todo o que hai que facer para chegar a estas festas. E a verdade digo emocionado que é un traballo moi laborioso. Tamén quero dende aquí agradecer a todos os traballadores municipais do departamento de Cultura e todos aqueles que están involucrados e forman parte desta estrutura tan importante como é o Corpus. Como veciño podo dicir que é unha satisfacción persoal.

Gostaríame desexarlle a tódolos veciños que desfrutemos dese día e que estamos impulsando unha serie de cambios para que Ponteareas mellore e estea no lugar que lle corresponde, e máis agora que fomos declarados como BIC.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.