“Estanse cometendo erros na investigación sobre a toponimia”

Arístides Carrera Lorenzo | Investigador sobre a historia e a toponimia de Ponteareas

A través dunha metodoloxía autodidacta, Arístides Carrera Lorenzo (parroquia de Guláns, 1964) ten recopilado unha cuarta parte da toponimia e o patrimonio histórico de Ponteareas e do Condado a través dun traballo de investigación no que leva adicado máis de 15 anos. Publicou o libro “Descubrindo Guláns. Rutas de sendeirismo para coñecer Guláns” (Deputación de Pontevedra, 2012), en espera de publicar outros seis libros sobre as parroquias de Cans, Guláns, Cristiñade, Areas, Arnoso e Xinzo.

Cal é a a orixe histórica do nome de Ponteareas?
O meu traballo non é un estudo de toponimia nin de filoloxía xa que non son especialista nesas áreas. Os meus traballos recollen os nomes, achego datos e hipóteses dende un punto de vista neutral pero abrindo o camiño aos especialistas partindo dos meus datos.

Eu considero que se están cometendo erros nos traballos da toponimia porque estanse facendo polo método do teletraballo, dende a distancia. O primeiro que hai que facer é un estudo do terreo para conseguir a información.

“O topónimo de Ponteareas vén do latín Pontis mais Aureas”

No relativo ao topónimo de Ponteareas, fixen un estudo exhaustivo da parroquia de Areas e, ao chegar ao barrio da Ponte, cheguei á conclusión sobre cal era o topónimo. A palabra procede do latín Pontis mais Aureas. Pontis está relacionada coa Ponte de San Roque e Aureas é a primeira parroquia, Santa María de Aureas, cuxa igrexa estaba na Foz, a menos dun quilómetro da Ponte Vella. Hoxe aí hai unha granxa de pitos.

Considera que a veciñanza ten plena conciencia do seu pasado histórico?
Ten conciencia. O problema é que non hai apoio institucional e así estamos perdendo moita información a velocidade vertixinosa. Un 20% dos veciños que entrevistei xa morreron, eles achegaban moita información que eu recollía dende outro punto de vista pero tamén contrastando con outras persoas.

Sobre o apoio institucional, que cre se precisa para avanzar na investigación histórica?
Dende a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia amosan interese, aínda que na Xunta apoian só aos especialistas. No caso do Concello de Ponteareas, non vexo maior interese. Un exemplo é que o Tenente de Alcalde (Roberto Mera) fixo un libro da súa parroquia, máis elemental, e publicou o libro antes que a min. En cambio, eu levo seis anos esperando a que publiquen as miñas investigacións.

Pódese dicir que Vde. é pioneiro nestes traballos?
Que eu saiba, o meu traballo é pioneiro. Posteriormente ao que eu iniciara as miñas investigacións fixéronse outros traballos en Mondariz e O Covelo. Por outra banda, e segundo o portal “Galicia Nomeada”, eu son a segunda persoa en Galicia que máis ten recopilado nomes, máis de 4.000 entre Ponteareas e O Porriño (parroquia de Cans)

Vde. ten recopilado unha cuarta parte do patrimonio histórico de Ponteareas. Como foi realizar esta investigación?
Metodoloxicamente, entrevistei a 200 familias, visitando tódalas parroquias e barrios, partindo da información que me daban os veciños así como do meu traballo de campo e os meus puntos de vista. Tamén realicei consultas bibliográficas. Un exemplo é que en Guláns lévanse publicando bastantes libros grazas a Serafín Porto Ucha, un dos intelectuais máis importantes que temos en Ponteareas e que ten avanzado na achega de datos históricos.

A extracción aurífera, confirmaría a importancia económica do Condado na época romana?
Si. Estamos nun Val moi fértil atravesado polo río Tea. Os romanos viñeron a buscar recursos naturais e fixeron extracións auríferas nas minas do Bierzo e na zona do Sil e Ourense. E tamén no Val do Tea houbo pequenas extracións auríferas. Diversos especialistas confirmaron esa tese da explotación na ribeira do Tea, que agora non son rendibles pero que no seu momento tiveron importancia económica. E de aí vén o nome da parroquia de Santa María de Aureas, aurum, ouro en latín.

“Nesta última década é cando estase perdendo máis patrimonio”

Que mensaxe quere dar sobre a importancia destas investigacions?
É a base cultural das nosas raíces. É importante saber como dende a Antigüidade vai evolucionando a historia, a sociedade, a lingua, o patrimonio. Pediría as nosas institucións públicas que protexan o patrimonio porque nas miñas investigacións ía descubrindo a importancia dese patrimonio pero nin dende as Comunidades de Montes nin do Concello atenderon as miñas peticións. Nesta última década é cando estase perdendo máis patrimonio. Por iso quero publicar estes libros para sensibilizar sobre este patrimonio e así transmiti-lo ás vindeiras xeracións.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.