Esquerda Unida Ponteareas critica a actitude do Concello co respecto á empresa Sogama

Trala sentenza xudicial que condena ao Concello ao pago de 56.423 euros
O Tribunal Contencioso Administrativo de Pontevedra condenou ao Concello ao pago de 56.423 euros á empresa SOGAMA, máis xuros e custas.

Ponteareas/Esquerda Unida | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso interposto polo Concello de Ponteareas con respecto á sentenza do Tribunal Contencioso Administrativo de Pontevedra que condena ao Concello ao pago de 56.423 euros á empresa SOGAMA, máis xuros e custas.

O Concello de Ponteareas acolleuse no ano 2019 e no primeiro mes de 2020 a unha rebaixa no pago do canon a Sogama do 10% pagando así 62,93 €/t en lugar de 69,83 €/t. Dita rebaixa estaba condicionada por un lado ao fomento da redución e a recollida selectiva de residuos e por outro a trasladar esa rebaixa á veciñanza reducindo o prezo da taxa da recollida do lixo, cousa que o Concello non fixo.

Foi o propio Concello quen solicitou esa bonificación comprometéndose expresamente a adoptar as medidas indicadas no mesmo exercicio no que se aplicaba a bonificación. Por iso resulta pueril o intento do Concello de eludir a devolución das bonificacións aducindo que as taxas da recollida do lixo non se subiron dende o 2013 e que polo tanto xa se aplicara a redución contemplada nos requisitos.

O certo é que eran plenamente conscientes de que tiñan a obriga de rebaixar a taxa nos anos 2019 e 2020 independentemente do que acontecera en exercicios anteriores.

En todo caso, a actitude lóxica do concello cando recibiu as facturas de Sogama correspondentes ao importe das subvencións, sabendo como sabían que non cumpriran cos requisitos para poder acollerse a ela, sería a de pagar esas facturas. En lugar diso pareceulles boa idea resolver non pagalas.

E non soamente iso, se non que cando perderon o recurso interposto por Sogama no Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra, decidiron recorrer eles ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por suposto, perderon tamén o xuízo, co resultado de que agora teñen que pagar a Sogama o importe das facturas, os xuros, e as custas do procedemento. Pon non dicir que estiveron a facer perder o tempo a un empregado municipal.

Agardemos que acabe aí o tema e non recorran ante o Tribunal Supremo, que aínda teñen esa opción. Teñen as de perder e de seguro que isto suporía máis intereses e máis custas. E todo cos cartos da veciñanza.