Esquerda Unida de Ponteareas manifesta o acerto de non ter entrado na Xunta de Goberno

Ponteareas/EU O pasado venres 16 de marzo, ESQUERDA UNIDA de Ponteareas celebrou un foro no Auditorio Municipal coa intención de achegar á cidadanía o traballo desenvolvido dende xuño de 2015, data na que por vez primeira esta agrupación obtivo representación no concello.

Os relatores foron Lino Costas, coordinador e concelleiro de EU-son, e Patricia Pardo, a responsable de organización de EU Ponteareas.

Na presentación deixaron clara a súa posición feminista, ecoloxista e pola defensa da clase traballadora. Esta liña política, afastada das políticas de BNG, PSOE e ARDT foi a prioridade na decisión de non entrar a formar goberno con estes partidos. A día de hoxe, manifestaron, queda demostrado que estaban no certo.

De xeito ameno e moi próximo falaron das diversas propostas presentadas e aprobadas no pleno municipal, o apoio ás diferentes mobilizacións cidadás, á participación activa para mellorar os servizos sociais da vila, e a defensa das traballadoras e traballadores do municipio entre outras.

Por outra banda, lembraron tamén a oposición total que tivo esta agrupación a situacións vergoñentas propiciadas polo actual goberno tripartito: como a concesión da medalla de ouro ao franquista, inhabilitado e condenado ex alcalde José Castro, o intento de privatización da estación de autobuses, os excesos do PXOM actualmente paralizado, ou a irresponsabilidade do alcalde nas recentes verteduras de lindano.

Destacaron o sorprendente afán privatizador desta Xunta de Goberno, que lonxe de tentar estudar as formas de remunicipalizar os servizos, conseguen superar ao PP privatizando por máis anos e por máis cartos.

O público asistente interesouse sobre todo nos servizos públicos, no mal estado das rúas da vila e na precariedade laboral das traballadoras e traballadores municipais.