
Ourense | O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu en Cenlle á inauguración da sexta edición do festival Espírito Ribeiro, enmarcado nos Concertos do Xacobeo da Xunta. O Goberno galego colabora na iniciativa que se celebra esta fin de semana co obxectivo de enxalzar o viño e o territorio vinculado á Denominación de Orixe Ribeiro. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocina dous obradoiros gratuítos para iniciar o público nas técnicas da cianotipia e da serigrafía sobre téxtil.
As persoas visitantes poden atopar nun mesmo espazo artesanía, gastronomía local e programación cultural. No relativo á artesanía, teñen ao seu dispor obradoiros gratuítos que se celebran tanto hoxe sábado como mañá domingo, en horario de 18,00 a 23,00 h. e impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop.
En concreto, hoxe sábado amosan a técnica da cianotipia, un procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e produtos químicos sensibles á luz, exponse directamente ao sol usando negativos de fotografía ou obxectos diversos, obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian. Mañá domingo, o obradoiro estará centrado na estampaxe de sacos de tea mediante a técnica da serigrafía.
A maiores, estarán presentes seis obradoiros de Artesanía de Galicia: María Aba (Ourense) e Luciérnaga (Barbadás) no ámbito da bixutería; de xoiería Obradoiro Hedra (Vilaboa) e do eido da moda Mimacuir (Taboada) e Bangus e Mamaié, ambas de Ourense.
O festival contará tamén coa presenza de produtores agroalimentarios amparados por distintivos de calidade diferenciada co apoio da Consellería do Medio Rural.




