“Eu espero que de aquí a setembro teñamos xa o partido normalizado”

Xaquín Fdez. Leiceaga | Voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia

 

A xestora do PSdeG despois dun ano xa leva uns días en interinidade. Que sucederá agora?

Non sei, non depende para nada de min. En todo caso hai un calendario de congresos que incorporan primarias no PSOE. Eu espero que de aquí a setembro teñamos xa o partido normalizado no sentido de que se teña unha dirección elixida polas bases.

Postularase vostede á secretaría xeral?

Eu estou coa responsabilidade do grupo parlamentario e iso ocúpame todo o tempo.

Sorprendido polo paso adiante de Susana Díaz á secretaría xeral do PSOE?

Non, eu penso que estaba xa máis que claro se que presentaría. Ademais, no contexto no que estamos é difícil facer prognósticos do que pasará.

Séntese respaldado polo seu grupo parlamentario?

Sen dúbida ningunha.

Cen días da terceira maioría absoluta de Feijoo van alá. Cal é a valoración do grupo socialista?

Por unha banda Feijóo segue nas mesmas. Nas anteriores lexislaturas axustou o gasto público para cumprir cos criterios de déficit e é o seu único proxecto. Agora que comeza unha certa recuperación teño a sensación que se evidencia máis que non ten un proxecto de crecemento, un proxecto integrador de crecemento social e económico para Galicia. Isto tamén hai que situalo no contexto español. Estes meses evidencia a falta de peso político de Feijoo no PP en España. Isto non permite que a, chamémoslle así, “axenda galega” chegue a bo porto. Dous casos claros son a AP 9, que no Congreso dos Deputados votou en contra a toma en consideración unha proposta unánime do Parlamento de Galicia. O outro caso é o tratamento do AVE. Primeiramente Feijóo di que hai unha prórroga de dous anos sobre a chegada do AVE a Galicia. Veremos ata onde chega.

Como se pode explicar unha contradición tan grande sobre a AP 9. Aquí a favor e en Madrid en contra.

Non, non chegaron a votar en contra en Madrid. O que fixeron foi un informe negativo desde o goberno de Rajoy. Este informe negativo paralizou a tramitación. Pódese explicar con que hai unha resistencia do PP conxuntamente para que esa transferencia se faga efectiva. Aquí Feijóo o que fai é manter unha posición que só é apariencia.

Sobre o peso de Galicia en Madrid, durante o bipartito non facía máis que botarlle en cara a Pérez Touriño a falta de presenza de Galicia en Madrid. E polo que se ve seguimos na mesma pero con Feijoo.

Un dato, desde que chegou Feijoo ata o día de hoxe, non houbo nin unha transferencia de competencias a Galicia, con maiorías absolutas do PP en Madrid e Galicia. É certo que os procesos de transferencias vanse esgotando, pero en Galicia hai cincuenta competencias sen transferir, pedidas de maneira unánime polo Parlamento de Galicia, tamén co PP, e ningunha sen executar. É como unha volta a un novo centralismo por parte do PP.

Acabará Feijoo en Madrid?

A política española está tan acelerada que é difícil facer previsión máis alá de meses. Penso que tiña intención de preparar o seu salto a Madrid, pero a confirmación de Rajoy como presidente logo das eleccións de xuño, xa lle pechou moitas portas.

O PP vetou unha proposta do PSdeG para fiscalizar as contas do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O PP tampouco quixo comisións de investigación sobre as contratacións dentro da sanidade pública. Estas son manobras de distracción sobre a xestión na sanidade pública galega e en concreto, sobre o hospital de Vigo?

Creo que o hospital de Vigo está protexido, porque é unha experiencia en Galicia de entregar a xestión a mans privadas de todo aquilo que non é estritamente sanitario. Como se fose un laboratorio, é como se quixesen controlar toda a información que sae de aí para evitar que se cuestione este proceso. Nós sabemos desde o primeiro momento que este modelo de xestión é caro. Cústalle caro á sociedade galega e nós temos intención de demostrar isto. Non interesa dar a coñecer canto custa.

Isto explica a actitude do conselleiro Vázquez Almuiña co hospital de Montecelo en Pontevedra que quere que sexa totalmente público?

No hospital de Pontevedra o debate estaba noutro lado. Por unha banda a ampliación do hospital, postura que apoiaba a esquerda, e logo a construción dun novo hospital que defendía o PP. O PP perde a batalla e acepta a ampliación de Montecelo. Na medida que se trata dun hospital que xa está funcionando e non dun novo hospital, a aplicación dun modelo público-privado é extremadamente difícil. Creo que isto último é o que fixo que optasen pola vía da ampliación. Non é que descarten este modelo, pero saben que en determinados contextos é imposible. Tentaron aplicar este modelo aos centros de saúde e fracasaron. Era un programa sobre sesenta centros de saúde en Galicia que serían construídos en base a este modelo público-privado. Non houbo empresas que se presentaran porque a xestión era moi complicada.

Habería un choque de lexislacións?

Non tanto un choque de lexislacións como de difícil rendibilidade do investimento. Penso que este era o problema que tiñan as empresas, iso e que ademais eran pequenas infraestruturas repartidas polo territorio que elevaban moito os custes de control.

Desde a súa formación como economista, considera o AVE unha infraestrutura necesaria para Galicia?

Está claro que se puido facer doutro xeito. Hai dous aspectos que a min me parecen mellorables. O primeiro, a desconexión entre transporte de persoas e o de mercadorías. A alta velocidade non é para as mercadorías. Isto debilita moito o proxecto porque sería fundamental para mellorar a nosa competitividade. O segundo, hai erros de deseño. Se tivese que deseñar de novo o proxecto, para min tería máis sentido que a conexión coa Meseta fose máis ao sur e funcionase como unha ele. Pero a saída principal está xa construida e por tanto xa está en marcha. Por outra banda, o AVE desde Galicia a Madrid ten sentido na medida en que foi unha decisión tomada para o conxunto de España. É unha estrutura radial pero que é ineficiente. Os movementos económicos e a concentración de poboación están no litoral. Entre o litoral e Madrid, os territorios están case baleiros. O AVE funciona ben cando hai unha densidade de poboación que o soporta. Posiblemente os AVE do litoral tiñan máis importancia que non algúns dos que xa se construiron.

Foi polo tema das mercadorías polo que propuxeron un tren de mercadorías para as factorías de ALCOA?

A Mariña de Lugo, fóra dos ámbitos urbanos é das zonas con máis pulo dentro de Galicia, ten un grave problema de infraestruturas. A A 8, a Trascantábrica deixa de lado a Mariña Occidental, aí temos a oportunidade de construir un corredor que conecte ese territorio con Ferrol. Este corredor, que comezara Pérez Touriño pero que está moi atrasado nas obras e nas perspectivas. En segundo lugar hai unha actividade pesqueira e industrial no norte de Lugo que cunha conexión ferroviaria melloraría as posibilidades de crear emprego nesa zona. A iso apuntamos nós.

E o corredor da Costa da Morte?

Hai uns meses abriuse un tramo, pero nós cremos que debe continuar o proxecto orixinal para conectar o porto de Brens. A Costa da Morte ten un grave problema de despoboamento e regresión económica. É un oco que queda ao pé do Eixo Atlántico pero mal conectada. Cremos que esa conexión debería axudar a tirar para arriba a toda a comarca.

Galicia xera e exporta enerxía eléctrica. Dentro do territorio, as infraestruturas da rede eléctrica corresponden con esta dinámica exportadora?

A dinámica exportadora de enerxía eléctrica desde Galicia está ligada á importación de carbón para as centrais térmicas. Se isto non fose así, as nosas contas sería diferentes. Despois, as conexións de alta e media tensión a día de hoxe son razonables. O problema vén na rede de distribución secundaria. Aí digamos que a perda de galeguidade dalgunhas empresas, fixo que os centros de decisión, ao seren de lonxe, non entenderon ben as necesidades que hai en Galicia de mantenemento como se veu nos últimos temporais.

Os datos da EPA de 2016 botan uns datos cun 16% de desemprego en Galicia. O de mulleres desempregadas supera o número de homes desempregados. A mocidade opta en moitos casos por irse. Desde o PSdeG cal é a reforma que se ten que acometer para mudar esta situación.

Está ben fixarse no desemprego. Pero eu tendo a fixarme no emprego, na outra cara, o que vai peor é a creación de emprego en Galicia. Temos os peores datos das comunidades autónomas durante a crise. Hai dúas dimensións, unha é normativa no conxunto de España. Nós o que dicimos é de derogar a reforma laboral. Así equilibraríase a negociación entre traballadores e empresarios. Tamén para que a negociación colectiva produza mellores resultados.

Segundo, hai que actuar nos tipos de contratos para reintroducir a causalidade na contratación temporal. Non temos só un problema de volume de emprego, tamén hai un problema na baixa calidade do emprego que está aparecendo.
Logo temos Galicia. Podemos facer moitas cousas, mais basicamente ten que ver coa política industrial e a política formativa. Temos recursos e temos capacidade, pero hai unha pasividade e parálise por parte do goberno de Feijoo, que é inesplicable no contexto económico actual.

En terceiro lugar, a crise introduciu unha fractura social que tamén é xeracional. Por debaixo dos 35-40 anos están as dificultades. A mocidade atopa traballo pero é un traballo moi precario. No caso das mulleres, é sobre todo a tempo parcial. Aí temos que revisar todo o sistema de incentivos da Xunta de Galicia para contratacións, porque queremos contratacións indefinidas, e onde sexa necesario por motivos causais, a tempo completo. Na campaña propuxemos, pensando na mocidade, que logo dos primeiros meses de contrato, o emprego apuntase a un carácter indefinido, cunha previsión de dez mil empregos ao ano.

Non é moi ambicioso?

Non, é posible facelo desde as contas públicas. Suporía, segundo as nosas contas, uns noventa ou cen millóns ao ano. Hoxe estase gastando máis en políticas de incentivo ao emprego que en moitos casos son ineficaces.

No caso das rendas de integración?

Hai un problema de pobreza que se agravou coa crise. Hai miles de fogares en Galicia sen ingresos. Isto para nós é inaceptable. Na campaña das xerais, propuxemos un ingreso mínimo vital para cubrir as necesidades básicas. Pero desde Galicia pensamos que debemos reforzar substancialmente os recursos asignados e sobre todo, axilizar a concesión da RISGA, para evitar que persoas en risco de necesidade, non teñan que esperar moitos meses. Por outra banda, debérase atender desde as arcas da Xunta de Galicia a familias sen recursos con fillos a cargo.

Hai pouco saíron novos investimentos da Xunta para propaganda institucional. Os que máis levan son tres, mentres que os medios públicos galegos parecen estar nunha situación de incerteza. Non é unha contradición?

Non vexo incerteza no futuro da CRTVG. É certo que teñen unha restrición de finanzamento desde hai anos, como tamén teñen outros medios autonómicos. Pero non vexo incerteza no seu futuro. É necesario acometer con decisión a renovación tecnolóxica que os conecte para poder facer mellor o seu traballo. Tamén é necesario renovar contidos e garantir o pluralismo. Sobre os medios privados, pois se só fose un millón e medio de euros en publicidade institucional, pois esa cifra queda por debaixo do gasto real. Hai que introducir dous criterios. Un de utilidade, porque hai campañas necesarias para difundir determinadas actuacións. Pero cando un ve no mes de decembro publirreportaxes de actuacións das distintas consellerías en medios privados galegos, indica que hai un gasto ao chou. Isto ten a ver con gastar un orzamento antes de pechar un exercicio. Todas as axudas públicas deben estar baixo os criterios de obxectividade, publicidade e transparencia.

Sobre as manifestacións de Abel Caballero nas que manifestaba que vostede tivo a lexitimidade dunhas primarias para falar sobre o PSOE, pero esa lexitimidade logo das eleccións do 25 foille retirada pola cidadanía.

Non son responsable das palabras de Caballero. Xa dixen algunha vez que teño a sensación de ter sido elixido non para pelexar con Caballero senón con Feijoo. Iso é o que vou facer.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.