Entrega dos Premios “Mulleres FEMUPO” en Sanxenxo

Reuníu a máis de 60 persoas neste evento anual

Pontevedra | O acto de entrega dos ‘Premios Mulleres Femupo’ outorgados pola Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) congregou no Real Club Náutico de Sanxenxo a máis de setenta persoas.

Ao evento, conducido pola xornalista Olaya Rivas e amenizado polas Pandereteiras Tremelique, asistiron representantes de organismos locais, provinciais e autonómicos, así como de entidades, asociacións e organizacións que traballan e/ou colaboran no ámbito da igualdade.

Estes premios recoñecen o traballo a prol da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en diferentes eidos como o social, o cultural, o deportivo e o laboral. As galardoadas desta edición foron a pianista e xestora musical, Andrea González; as ‘Abellonas’ do Clube de Rugby Coreti Lalín, o Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo e a cooperativa Ardora.

A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, destacou a tenacidade, capacidade e ilusión das galardoadas nos seus diferentes eidos de traballo e o seu papel “como referentes sociais”para que a igualdade de xénero sexa unha realidade que “nos permita seguir avanzando comosociedade”.

Así mesmo, Touriño aproveitou este espazo para dar as grazas ao labor do movemento asociativo das mulleres, especialmente ao da provincia de Pontevedra, e “á colaboración, apoio e contribución de entidades, organizacións, axentes sociais eadministracións que traballan a prol da igualdade”.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou neste acto de entrega recordando o compromiso da administración coa igualdade e poñendo en valor o papel das galardoadas pola súa significación en contra dos estereotipos de xénero e as fendas. As galardoadas recibiron unha figura deseñada para a ocasión que representa a provincia de Pontevedra en mans dunha muller e tamén unha acuarela que representa á escritora feminista Nélida Piñón.