Entrega de premios da III edición do Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro en Ponteareas

Con traballos realizados por alumnos de 5º e 6º de primaria

Ponteareas | O xurado do III concurso de poemas ilustrados “Día Rosalía de Castro” reuniuse o pasado mércores 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, para escoller os mellores traballos.

O concurso, que pretende ser unha das actividades principais para homenaxear figura e obra da nosa escritora nacional máis importante, recolleu, nesta edición, case medio cento de traballos realizados por alumnos de 5º e 6º de primaria dos centros: CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Feliciano Barrera de Guláns, CEIP de Santiago de Oliveira, Colexio Plurilingüe A Inmaculada e o Colexio Santiago Apóstol.

As persoas que conformaron o dito tribunal foron Hortensia Bautista Fernández, mestra e escritora; Alfonso Pexeguiro, escritor e poeta; Fernando Groba Bouza, concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas; e Sofía Rodríguez Suárez, traballadora do Departamento de Cultura, que actuou como secretaria.

Os xurados valoraron os traballos con criterios de orixinalidade, relación entre o poema presentado e o deseño, a composición, a técnica empregada, o uso e calidade da lingua galega, entre outros aspectos.

Os membros do xurado destacaron a alta participación e a destacábel calidade dos deseños e decidiron outorgar os seguintes premios:
• 1º Premio para o traballo titulado “Soños”, presentado por Daniela Otero Rial
• 2º Premio, a obra realizada por Leire Porto Rodríguez
• 3º Premio para o traballo titulado “Néboa” presentado por Claudia García Martínez
• 4º Premio para a obra “A tristura da lúa”, da autora Ana Díaz Martínez
Amais, ante dificultade de deixar dous traballos máis sen premiar, decidiron conceder dous accésits:
• O traballo colectivo titulado “A fermosa estrela”, realizado polo curso de 6º B do CEIP Fermín Bouza Brey
• E o caligrama en forma de paxaro da autora Ángela Boente Laso.

A entrega de premios realizouse o venres, día 26 de febreiro, ás 18 horas diante do Concello de Ponteareas.

“Queremos agradecerlles aos centros participantes e ao seu profesorado a súa implicación neste concurso e animalos a seguir traballando en prol da defensa da nosa cultura e lingua”, sinala Fernando Groba, concelleiro de Cultura.

Outros artigos