Encontros na terceira fase.

Seguramente o candidato á investidura designado por El Rei, viva momentos convulsos na súa mente, convencido que o seu proxecto de goberno é un galimatías para moitos con colorantes subversivos, cando non hai nada máis antisistema que a corrupción estrutural que observamos cada día. Os medos tribais da dereita social e económica a aceptar os ventos de cambio que saen das urnas, non son máis que a demostración da existencia dunha democracia imperfecta, na que uns poucos cren estar unxidos, por pertencer a un estrato social determinado, por moito que este estea contaminado polos termes que devoran unha ética para a que viven de costas.

“Ríos de tinta levan esta tempada os xornais sobre a situación política do Estado, despois dunhas eleccións xerais que deixaron un mapa político moi interesante para os que queren facer política con maiúsculas, e desalentador para os mediocres acomodados nun Sistema demostrado como imperfecto”

Se as chamadas “esquerdas”, non son capaces de chegar a acordos para a gobernabilidade do Estado, por non ser quen aceptar que nas pelexas de galos ás veces morren os dous, terán un problema evidente que inducirá ao votante á falsa idea de que a estabilidade so pode vir dende o Partido Popular. Pablo Iglesias, na súa busca de ser o Felipe González de 1.982, pero en 2.016, erra poñendo liñas vermellas non asumibles para os socialistas, por moi xustas que sexan. A cuestión é que o electorado de esquerdas, ve unha ocasión única para que caian os valados da inxustiza social, ao mesmo tempo que temen que nada se concrete porque o ego de Iglesias non sexa capaz de interpretar unha evidente demanda social de cambio.

Mentres na Galicia, o debate do que acontece no Estado, semella ser un mal necesario que non nos afecta, mentres seguimos dende as posicións alternativas ás políticas do actual Partido Popular de Galicia, negando o futuro con imposturas propias de nenos caprichosos en busca da cadeira polo poder. Non todo vale contra o PP… o proxecto alternativo ten que ser sólido e solvente, ten que ter vocación de continuidade e credibilidade. O obxectivo non pode ser rematar co irmán nacionalista a calquera prezo, senón sumar para logo poder multiplicar posibilidades de cambio real. Do contrario, o que podería ser o inicio da esperanza, podería dar lugar a unha nova longa noite de pedra na nosa terra.

Mareas si, mais coidado co mar de fondo que intenta devorar as costas nas que o nacionalismo estivo tantos anos vixiante, mentres algúns divagaban como filósofos existenciais, o que as urnas lles negaban…

Ou non?

Estudou Dereito. Empresario en Lalí­n. Membro de Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diversas publicacións do paí­s.