En Ponteareas co dereito.

Conmemoramos este ano o centenario da constitución das Irmandades da Fala, a primeira entidade cultural que acometeu o labor de galeguizar Galicia en toda a súa transversalidade. A ela pertenceron moitos xuristas que fixeron causa común para salvagardaren os nosos valores patrimoniais; civilistas preocupados pola adecuación das nosas tradicións xurídicas consuetudinarias para que tivesen rango de dereito positivo no marco das grandes transformacións sociais e económicas que estaba a vivir o país, ao tempo que demandaban o uso da lingua galega nas instancias xudiciais.

A Irmandade Xurídica Galega séntese herdeira daquel movemento de profesionais do foro, e vén facendo fincapé na necesidade de dálos a coñecer, ao tempo que insta ás facultades galegas de dereito, colexios de avogados e procuradores e escolas de prácticas xurídicas a programaren actividades académicas que espallen a súa memoria, sen que deica hoxe houbese a menor receptividade. O seu comportamento académico impide o exercicio dun maxisterio que forneza de coñecementos históricos aos futuros xuristas.

Na historia xurídica galega figuran nomes de xurisconsultos que se caracterizaron pola súa sabedoría e implicación na restauración da identidade galega. A Irmandade Xurídica Galega recuperou as súas biografías para divulgalas entre os profesionais do dereito, erixíu monumentos e colocou placas conmemorativas en espazos públicos para perpetuar a súa memoria e compromiso galeguista. Os xuíces Ramón Carballal Pernas, Sebastián Martínez Risco, Manuel Casado Nieto, Claudio Movilla, Orencio González Pérez, Fermín Bouza Brey, Daniel García Ramos; os avogados Roberto González Pastoriza, Arturo Noguerol, Lois Peña Novo, Pedro González López e Amadeo Varela, son bos exemplos. Dentro de pouco homenaxearase a Manuel Banet Fontela, notario e impulor das Irmandades da Fala, que celebraron en Monforte de Lemos en marzo de 1922 unha das súas asembleas na que se acordou “esixir dos poderes públicos o dereito a redactar en galego os documentos notariais”.

Unha demanda negada polos gobernos de entón, que impediron que o noso idioma tivese validez nos actos xurídicos documentados, malia ser a poboación maioritariamente galegofalante. Proscrición de tolleu a autoestima dos galegos, e que agora cun marco xurídico que o recoñece debera ser abondo para normalizar o seu uso e costume.

O próximo día 31 celebrarase en colaboración co Concello de Ponteareas un novo acto de galeguización xurídica, seguindo o modelo iniciado hai anos noutras localidades. Inaugurarase un monumento a Fermín Bouza Brey, nado na vila do Tea hai cento quince ano, nas proximidades do edificio dos xulgados, para que quede constancia da existencia da biografía dun xuíz que compaxinou a súa función profesional coa investigación etnográfica e arqueolóxica, amais de ser autor dunha importante obra literaria. A seguir, terá lugar un encontro cos alcaldes das comarcas da Paradanta e Condado para asinaren o documento no que se recollen os compromisos de galeguización das actividades xurídicas das respectivas corporación locais; acto ao que tamén foron chamados os avogados e procuradores exercentes neses partidos xudiciais. Rematarase o programa de actos cunha mesa redonda na que participará tamén o fiscal don Carlos Varela García.

A galeguización das actividades xurídicas e xudiciais depende da vontade de todos os implicados nelas: operadores xurídicos, xuíces e funcionarios xudiciais; pero tamén dos cidadáns que acuden a esas instancias demandando solucións para os seus conflitos, porque a Lei de Normalización Lingüística de Galicia ampara o dereito ao uso do galego nos xulgados e notarias. Desde a incorporación da lingua galega aos distintos niveis do ensino funcionarios e xuíces están capacitados para seu uso escrito, xa que logo, non se pode alegar descoñecemento; facelo é unha argallada que descalifica a quen fai uso dela.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.